O Concello destaca a “velocidade de cruceiro” da compostaxe no primeiro ano de implantación do colector marrón

41

Raimundo González, responsable da xestión de residuos, agradeceu a colaboración dos veciños e veciñas “xa que sen eles este programa sería imposible”.

A día de hoxe están anotados 2.155 domicilios e 223 establecementos na modalidade de colector marrón, que produciu 730 toneladas de biorresiduos.

A Concellaría programa ampliar en 8 máis os centros de compostaxe comunitaria a partir de setembro.

A compostaxe individual está en Lourizán, e falta soamente Canicouva e Ponte Sampaio. Abrirase unha nova convocatoria para vivendas urbanas e periurbanas que dispoñan de espazo ao aire libre e queiran ter un composteiro individual.

Un ano despois da posta en marcha do programa Composta, de recollida dos biorresiduos no colector marrón, o Concello fai un balance moi positivo do funcionamento deste sistema de compostaxe, ao igual que dos outros dous tipos de tratamento implantados no concello. O concelleiro responsable do departamento, Raimundo González asegurou que “a compostaxe en Pontevedra vai a velocidade de cruceiro”, e agradeceu a colaboración de veciños e veciñas “xa que sen eles este programa sería imposible”.

No programa Composta, en colector marrón, están anotados na actualidade 2.155 domicilios e 223 establecementos (froiterías, bares, restaurantes…) que depositan os biorresiduos nos 91 colectores distribuídos polas rúas da améndoa central da cidade.

Tendo en conta que se trata -polo de agora- dun programa voluntario e que sufriu os rigores da Covid porque o departamento tivo que suspender por momentos a campaña de sensibilización domiciliaria, están utilizando este servizo arredor de 5.500 pontevedreses. De feito, Raimundo González explicou que se están rexistrando algunhas queixas porque o servizo non chega con maior rapidez ás vivendas para formar parte del. Lembrou que os interesados tamén se poden anotar a través da páxina web composta.pontevedra.gal

A día de hoxe, a empresa Compost Galicia encargada de tratar os biorresiduos do Concello de Pontevedra xestionou 730 toneladas, cun incremento paulatino mes a mes. De feito, o pasado mes de xuño recolléronse 86,95 toneladas.

Raimundo González adiantou que mantendo este ritmo anual de produción superaranse as 1.000 toneladas de biorresiduos.

Os usos do compost de Pontevedra

Os usos do compost de Pontevedra son variados segundo informa a planta de compostaxe. Van dende a viticultura especialmente para a zona do Ribeiro e do Condado (as máis próximas á planta) a agricultura e gandaría tanto para obter millo/ forraxe para a produción de leite e carne, para a xardinería e para o uso en zonas degradadas.

“Estamos encantados co resultado do programa tanto pola cantidade como pola calidade dos biorresiduos”, explicaba o concelleiro, quen aseguraba que “en Compost Galicia están moi sorprendidos porque os impropios do compost de Pontevedra son só do 2%, tendo en conta que nese 2% vai a bolsa. É dicir, practicamente chega en estado puro”.

Raimundo González recoñeceu que o éxito do programa non sería posible “sen a colaboración dos veciños e das veciñas que apostan de xeito claro polo tratamento de biorresiduos”.

Centros de compostaxe comunitaria

Ao respecto dos centros de compostaxe comunitaria, o concelleiro explicou que aos 28 actuais sumaranse a partir do mes de setembro 8 novos. Están prevista a instalación de centros na rúa das Devesas, Virxinia Pereira, avenida da Coruña (ao carón do mural de Pasarón), Camiño vello de Castela, Profesor Filgueira Valverde (parque Amalia Álvarez), Alcalde Hevia (2o centro), Taboada Nieto (xunto á estación meteorolóxica), e rúa Grecia.

As novas instalacións supoñen a duplicidade dalgúns centros porque as achegas son moi importantes en Campolongo, Eduardo Pondal-Gorgullón ou na Parda, “o que amosa o compromiso dos veciños e das veciñas”, volveu a incidir o concelleiro.

Compostaxe individual no peirubano

Ao respecto da compostaxe individual implantada nas parroquias do rural, neste momento a concellaría que xestiona Raimundo González está a rematar o reparto en Lourizán e queda pendente soamente as parroquias de Canicouva e Ponte Sampaio.

Na actualidade, das 6.500 vivendas habitadas no rural, falta por repartir menos de 10%, e farase unha segunda volta por todas as parroquias para ampliar o número de entregados. Repartíronse 3.700 composteiros, é dicir, o 65% dos domicilios con residentes.

Raimundo González adiantou que este sistema de compostaxe vai a vivir unha evolución nos vindeiros meses. A concellaría fará unha nova convocatoria para as vivendas urbanas e periurbanas, e incluso para os domicilios do centro urbano que dispoñan de ático ou espazo ao aire libre. Ofreceralles a posibilidade de ter un composteiro individual.