As actividades de Espírito Montuno terán continuación en setembro

37

O Concello aposta pola súa oferta logo do éxito das primeiras sesións do verán, que mesmo chegaron a esgotar prazas 

O programa Espírito Montuno ten moitas caras, mais unha delas son as actividades englobadas baixo a súa bandeira. Ao longo do mes de xullo, até 16 actividades foron realizadas nos parques forestais da Fracha, a Tomba e o Pontillón do Castro. Máis de 160 persoas gozaron con elas.

O Concello ten intención de seguir traballando neste sentido, por iso, tomando un descanso no mes de agosto, continuará ofrecendo actividades de interese para a veciñanza que permitan conectar co entorno natural e os espazos públicos recuperados dentro deste eido.

Deste xeito, xa son 8 as actividades programadas para o vindeiro mes, divididas en tres grupos de idades distintos:

Infantís

  • Obradoiro de creación artística sobre arte e natureza
  • Como é a auga?

Familiar

  • A procura do tesouro. Geocaching en familia
  • Buscando o Norte. Actividade de orientación con mapa

Adultos

  • Observación de aves forestais (dobre sesión)
  • Bicicleando
  • Mar de estrelas

O mes de setembro será, dalgún xeito, unha nova oportunidade para poder gozar con estas actividades, variadas e de todo tipo. O Concelleiro de xuventude, Alberto Oubiña, sinala que as primeiras actividades de Espírito Montuno contaron «cunha participación moi positiva, polo que queremos recuperar o programa en setembro». «A idea é tamén amplialas até o ano que vén, propoñendo novas actividades e retomando as máis exitosas, coa idea de que todo o mundo poida gozar con elas».

«Estas son unhas actividades que permiten o contacto co medio, onde aproveitamos espazos naturais e poñemos en valor o monte como alternativa de ocio», explica Oubiña. «Comprobamos que hai unha aprendizaxe de elementos que ao mellor estanse a descoidar no mundo urbano, ou están moi pouco presentes, por iso esta é unha oportunidade para volver a poñer en valor estes espazos naturais e sentilos como parte nosa».