Comezan as festas da Peregrina cunha programación cultural de primeiro nivel
1585
POST XENÉRICO FESTAS DA PEREGRINA
Carlota Crey, Xabier Díaz e as Adufeiras de Salitre, e Bala serán as tres primeiras actuacións do programa das festas
O pregón a cargo de Violeta Mosquera celebrarase no palco de música da alameda, ás 12 horas
A Semana da Peregrina xa está aquí. A programación de verán ofrecida polo Concello de Pontevedra comeza un novo capítulo coas Festas da Peregrina 2021, que supoñerán un empurrón cultural e de ocio na Boa Vila ao longo de dez días.
Con catro escenarios principais para desenvolver actividade —A praza Ferraría, a praza de España, as pistas de Campolongo e a Alameda—, Pontevedra vivirá máis dunha semana rodeada de espectáculos de primeiro nivel, tanto locais como estatais, con propostas variadas na súa forma e no seu xénero, accesibles e chamativas para toda a veciñanza.
A pregoeira das festas, Violeta Mosquera, ofrecerá o tradicional discurso de inicio das Festas no Pablo da música da alameda ás 12 horas, acompañada do alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Festas, Carme da Silva.
A continuación, comezarán os pasarrúas que, ao longo do día, animarán a cidade decotío segundo avancen os días. Así, o primeiro día da programación especial da Peregrina contará con tres actuacións de primeiro nivel.
CarlotaCrey (21h, Praza da Ferraría) – Carlota é unha moza pontevedresa con enorme talento para a música e a súa creación. Pianista, cantante e compositora, foi medrando a nivel artístico nos últimos anos, amosando o seu traballo no YouTube e tentando facerse un oco dentro da industria musical. O concerto que ofrecerá na Ferraría é un concerto especial por partida dobre: será o primeiro dentro da programación especial e será o primeiro no que a moza pontevedresa teña un banda de apoio con ela sobre o escenario.
Xabier Díaz e Adufeiras de Salitre (22h, Praza de España) – Convertido nun dos espectáculos máis aplaudidos e potentes da nosa terra, a unión de Xabier Díaz coas Adufeiras de Salitre e xa unha marca de seu, que chama e pide ser gozada en plenitude. Logo do recoñecemento de público e crítica que lle brindou The Tambourine Man (2015), o artista coruñés continuou da man das Adufeiras en Noró (2018) e, apenas hai un ano, As Catedrais Silenciadas (2020). De novo, volven a Pontevedra cunha proposta emocionante, elevadora da música tradicional.
Bala (22.30h, Pistas de Campolongo) – O dúo formado por Violeta e Anxela é xa un furacán musical que arrasa por onde pasa, deixando ao seu paso non destrución, senón unha incríbel admiración e interese de todo aquel que o ve. Referencias internacionais logo de xirar por Europa, Xapón, ou mesmo aparecer nun anuncio promocional na mesma Times Square de Nova Iorque a través de Spotify, Bala son unha vibrante proposta musical, de alto volume e tempo veloz.
O acceso a todos os espectáculos programados nas festas será de balde e realizarase seguindo a normativa sanitaria actual. Isto é:
Os asistentes deberán permanecer sentados no sitio escollido en todo momento
Do mesmo xeito, non poderán quitar a máscara e deberán manter a distancia seguridade que con antelación xa foi medida polos responsábeis do recinto habilitado
O aforo é limitado
Non é preciso presentar unha proba PCR ou de antíxenos na entrada
A entrada realizarase por estrito orde de chegada, sen reservas ou tickets de ningunha clase
Non estará permitido acceder con bebida ou comida
Non se poderá fumar dentro da zona acoutada para o público