O alcalde fai un chamamento para que Ence e Partido Popular lle pidan desculpas á sociedade pontevedresa e rematen coa violencia

77

O Concello poñerá en coñecemento da Fiscalía os actos violentos acontecidos durante a lectura do pregón da Peregrina

Logo dos sucesos violentos acontecidos durante a lectura do pregón das Festas da Peregrina, tamén trala súa finalización, o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrou esta mañá que a situación actual de Ence e os seus traballadores na ría de Pontevedra é o resultado dun «fracaso estrepitoso» da empresa e do Partido Popular, ao que habería que lle sumar «a incompetencia deste último, ao non cumprir coa súa obriga na procura dunha alternativa para a ubicación de Ence en Lourizán».

«Tanto a empresa como o Partido Popular sabían hai máis de 30 anos que a concesión remataba no 2018, e que polo tanto se querían seguir producindo na comarca de Pontevedra ou en Galiza tiñan de buscar alternativas e, en vez de buscalas, o que fixeron foi intentar enganar, en primeiro lugar, os traballadores e, en segundo lugar, a cidadanía de Pontevedra, cunha prórroga ilegal e saltando a lexislación vixente», explicou o alcalde. «Eles son os máximos responsables desta situación».

Con referencia ao acontecido o pasado sábado, 7 de agosto, o alcalde definiu a situación como un «acto de violencia premeditada contra a cidadanía de Pontevedra e os seus máximos representantes». Doutra banda, sinalou que non hai ningunha dúbida sobre o apoio ofrecido polo Partido Popular de cara á protesta e a súa posterior violencia, ao existir imaxes, publicadas xa nos medios, dos membros da corporación municipal do PP cos chalecos de Ence, logo dos actos de violencia ou no intre no que se estaban a producir. «Non foron un, nin dous, nin tres. Foron varios membros deste partido, formando parte, algúns deles, da Executiva do Partido Popular de Galicia».

O Concello está estudando, a través da Policía Local e a súa investigación dos actos, poñer en coñecemento da Fiscalía os feitos producidos, do mesmo xeito que aconteceu cando a Alcaldía foi invadida por traballadores da empresa, o pasado mes de marzo. «Máis aló de que nós poñamos en coñecemento estes feitos, cremos que a Fiscalía debe actuar de oficio ante uns actos de violencia cometidos contra representantes da corporación, no espazo público, o día do pregón das Festas da Peregrina».

O alcalde de Pontevedra quixo facer un chamamento público á empresa e Partido Popular, para que dediquen os seus esforzos en buscar alternativas á ubicación ilegal de Lourizán. Doutra banda, fixo dúas peticións de xeito directo. A primeira, que paren de inmediato a violencia «porque sabemos que poden parala se queren» e que lle pidan desculpas á sociedade pontevedresa, pois son «os últimos responsables da situación na que están os postos de traballo da fábrica de Ence»

Miguel Anxo Fernández Lores finalizou a súa intervención sinalando que como alcalde «nunca pensei, xamais, nin no máis remoto dos meus pensamentos, que membros da corporación de Pontevedra avalarían actos de violencia contra esta e o seu alcalde. O Partido Popular debe facer exame de conciencia e pedir desculpas».