Os máis pequenos xa poden desfrutar do renovado parque de Valentín García Escudero tras máis dun mes de obras e 12.000 € de investimento

41
  • Os traballos de reforma integral realizados por Desenvolvemento Sostible nesta zona de lecer infantil incluíron a mellora das condicións de amortecemento do pavimento de caucho
  • A empresa Garocaprim SL reparou os elementos de xogo que conforman a peculiar estrutura en forma de barco que acolle o parque e fixo un tratamento de tódalas pezas de madeira

O concelleiro de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural, Iván Puentes, e o tenente de alcalde, Tino Fernández, anunciaron hoxe a reapertura ao público do renovado parque infantil da Praza de Valentín García Escudero despois de máis dun mes de actuacións. As obras de reforma integral executadas pola empresa especializada Garocaprim SL nesta zona de xogo, situada nas inmediacións da Ponte do Burgo, supuxeron un investimento de máis de 12.000 euros por parte do departamento que dirixe o edil socialista e incluíron a restauración e recrecido do pavimento de caucho cunha importante achega de material, garantindo así unhas condicións óptimas de amortecemento (en cumprimento das pautas de seguridade que se establecen na normativa europea UNE-EN 1176 e no Decreto autonómico 245/2003).

Segundo sinala Puentes, que visitou esta mañá o parque acompañado por Tino Fernández, o proxecto permitiu efectuar “unha completa reparación dos elementos de xogo que constitúen a peculiar estrutura en forma de barco que preside este espazo infantil, substituíndose as pezas, cordas, parafusos e ancoraxes que se atopaban deteriorados ou en mal estado”. Asemade, tamén se fixo un tratamento de tódolos elementos de madeira mediante o seu vernizado e pintado e substituíse o anterior peche perimetral metálico, que se atopaba oxidado e corroído na súa base en diversos puntos, por un novo valo de madeira. 

Ao igual que as restantes obras de reforma que está a executar o Servizo Municipal de Parques e Xardíns, este proxecto deseñouse en base ás directrices e recomendacións establecidas mediante unha auditoría previa da firma Solucións Técnicas de Ocio (STO), contratada polo Concello de Pontevedra para estudar as condicións de seguridade dos parques, verificar que respectan as normativas europea e galega en materia de seguridade, valorar as reparacións necesarias e emitir os correspondentes certificados da Entidade Nacional de Acreditación (ENAC) unha vez que as cumpren.

“Os máis pequenos xa poden desfrutar en Valentín García Escudero dun parque que cumpre coas máis estritas condicións de seguridade, tanto no que atinxe ao amortecemento das caídas como no que se refire ás distancias entre xogos, o estado de conservación das superficies ou os diámetros dos distintos elementos para evitar posibles atrapamentos”, subliña Iván Puentes.