Desenvolvemento Sostible habilitará sendas de formigón no Paseo de Valle-Inclán para mellorar a accesibilidade na zona escolar de Campolongo
61
A empresa Garocaprim SL acaba de poñer en marcha os traballos de construción dos novos itinerarios, aos que o departamento que dirixe Iván Puentes destinou unha achega de máis de 48.000 €
As actuacións abranguen un treito duns 250 metros entre a rúa Xeneral Rubín e a zona de xardíns da Praza da Constitución, garantindo un tránsito en condicións de salubridade
A Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural acaba de poñer en marcha as obras que permitirán mellorar as condicións de tránsito e a accesibilidade aos centros educativos e a outros equipamentos públicos existentes no parque de Campolongo, dotando o Paseo de Valle-Inclán de sendas de formigón e madeira. Os traballos, que está a executar a empresa Garocaprim SL cun orzamento de 48.080’60 euros, abranguen un treito duns 250 metros que discorre sobre o río dos Gafos, entre a rúa Xeneral Rubín e a zona de xardíns da Praza da Constitución, pechado á circulación peonil en boa parte do seu percorrido desde o pasado mes de marzo, despois de que se detectaran importantes danos estruturais na cuberta.
O valado perimetral de seguridade instalado polo Concello motiva agora mesmo bastantes dificultades de tránsito e acceso, especialmente no que atinxe á EEI Concepción Crespo Rivas, xa que o alumnado ten que atravesar un espazo de céspede e terra para poder entrar no centro e as condicións poderían empeorar coa chegada das choivas. Tal e como apunta o edil de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, “coa finalidade de garantir unha mobilidade segura e salubre, neste proxecto formúlase a creación dun camiño que dará un servizo accesible ao parque, así como ao conxunto de equipamentos públicos existentes nesta zona: CEP de Campolongo, EEI Crespo Rivas, escola infantil, piscinas, edificios administrativos e igrexa”.
“Concretarase nunhas sendas que facilitarán a accesibilidade desde a rúa Xeneral Rubín ata a Praza da Constitución pola marxe esquerda do Paseo de Valle-Inclán e ata a entrada principal da escola infantil de Campolongo pola marxe dereita”, precisou o socialista.
O pavimento deste itinerario realizarase esencialmente mediante formigón en cor ocre de dez centímetros de espesor, intercalando en medio da capa malla electrosoldada de 20x30x5 milímetros e reforzado con cuarzo e un acabado cepillado. Segundo avanza Iván Puentes, “estes camiños foron deseñados cunha vocación provisional, para atender as necesidades máis perentorias, que son as do acceso do alumnado, coa previsión de que poidan incorporarse ao proxecto definitivo para liberar e renaturalizar o río dos Gafos neste treito”.
“Unha restauración paisaxística e ambiental que permitirá devolverlle a súa vitalidade orixinal a este espazo mediante a retirada da cuberta que atravesa o barrio de Campolongo e que se levará a cabo a través dun concurso público que agardamos sacar adiante no que queda de ano”, subliña o concelleiro de Desenvolvemento Sostible.
Uns 15 metros en madeira para salvar un exemplar de chopo
Segundo sinala Puentes, “coa finalidade de non afectar á estabilidade dun exemplar de chopo italiano de elevado porte e valor ornamental (polulus nigra ‘italica’), uns 15 de metros de senda consistirán nunha pequena plataforma de madeira construída sobre vigas e correas, sobre a que se ancorará tarima de madeira con parafusos galvanizados”. Asemade, será necesario incorporar un tramo de 10 metros de valado de madeira cara o lateral do colexio, onde resulta necesario por normativa debido á altura ata a canaleta de recollida de augas.
As obras teñen un prazo de execución previsto dunhas catro semanas e incluirán a retirada de tocóns no trazado da senda por medios manuais e mecánicos; a retirada de cunetas de formigón; o desbroce e limpeza superficial do terreo por medios mecánicos até unha profundidade de dez centímetros; a apertura de ‘caixa’ por medios mecánicos e manuais até unha profundidade de 20 centímetros; a construción dun treito de pasarela peonil realizada en madeira de piñeiro vermello (tratada en autoclave para intemperie); o encofrado e desencofrado perimetral, e a subministración de formigón H250 de cor ocre de 10 centímetros de espesor, intercalando en medio da capa malla electrosoldada de 20x30x5 milímetros, reforzado con cuarzo e un acabado cepillado.