A comitiva de Placemaking Europe «impresionados» co potencial da cidade para ser a vindeira sede da súa cita anual

25

A comitiva alabou o traballo feito ao longo dos últimos anos, comentando que poucas cidades de Europa están ao nivel de Pontevedra e o seu proxecto urbanístico

Agardan poder tomar unha decisión final sobre a escolla nos próximos dous meses, entre setembro e outubro

Xa na cidade, a comitiva formada por Ramón Marrades e Charlot Schans camiñou esta mañá de mércores polas rúas da Boa Vila e discerniu nunha primeira ollada o potencial da cidade para ser sede da Placemaking Week Europe 2022, o evento internacional para a creación e alimentación de redes participativas na procura dun deseño urbano sostíbel.

Logo dunha recepción oficial no Concello, onde mantiveron unha serie de conversas para se introducir e repasar o concepto do modelo urbano pontevedrés co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, e a concelleira de Promoción Económica, Anabel Gulías, os visitantes camiñaron por ver primeira pola cidade, realizando un pequeno percorrido polo centro, por rúas como Michelena, Gutiérrez Mellado ou Peregrina.

Os primeiros compases desta visita serviron para coñecer a vida da cidade, as medidas de accesibilidade coas que conta, a prioridade peonil, a aposta polo comercio local e, en xeral, a evolución do modelo de cidade que foi realizada ao longo dos últimos anos.

Após esta primeira toma de contacto, o alcalde, que fixo de guía neste roteiro, sinalou que «o de Pontevedra é un proxecto dinámico, que non rematou, e que esta aberto a novas incorporacións, querendo aprender de todo o mundo». «A idea é que se se celebra o congreso da Placemaking Week Europe 2022 aquí, cheguen a cidade máis de 400 persoas: técnicos, urbanistas, arquitectos, persoas interesadas na calidade urbana… que poden axudar a seguir desenvolvendo o noso modelo, ao mesmo tempo que eles tamén poderán aprender do feito, ao ser un proxecto xa desenvolvido».

Ramón Marrades, director de Placemaking Europe, lembrou que a súa rede representa a máis de 4.000 urbanistas e 60 líderes de cidades europeas na procura do fomento do urbanismo sostíbel e a escala humana. «Estamos buscando onde facer a nosa seguinte parada. É un evento de discusión pero ao mesmo tempo é un evento de arraigo, no que traemos a 400 expertos no sentido máis amplo posíbel, pero queremos quedar na cidade durante un tempo longo, para logo xuntar todos os esforzos nunha semana. Que pasaría nesa semana? Suporía un debate amplo sobre o futuro das cidades, pero tamén traballaríamos coa cidade nos seus desafíos concretos, axudaríamos a buscar soluciones e traballar coa cidade de Pontevedra».

«Estamos agora nun intre de exploración», continúa Marrades, «onde tentamos ver que cidade será a que acolla este evento e Pontevedra está entre elas, gustaría que fose ela. Tiñamos moitas ganas de vir aquí e aprender do alcalde e do equipo de Goberno. A cidade foi un referente. Buscamos que non todo pase por mecanismos horizontais, non só aprender das grandes capitais como Amsterdam, senón que queremos ver que acontece nas cidades medianas ou pequenas. Esta visita xa é unha aprendizaxe tremenda».

Sobre Pontevedra, a comitiva xa puido ofrecer unha primeira opinión, sinalando que a Boa Vila encaixa perfectamente na cita que é a Placemaking Week Europe 2022, amais do proxecto como tal que procura a entidade. A primeira impresión é, polo tanto. «magnífica», alabando o seu compromiso á hora cos obxectivos do desenvolvemento sostible do 2030 (xa cumpridos), explicando que «hai moi poucas cidades en Europa que poidan dicir iso». «Vimos a forza desta política humana e de mobilidade e o seu efecto no comercio e na vida das persoas. Estamos encantados».

A comitiva comentou que agardan ter resolta a súa decisión, para saber se a cidade é a nova sede do seu evento internacional nalgún momento de outubro, malia que non descartan dar unha resposta xa en setembro, coa idea de comezar a traballar canto antes.