Cans e donos de Pontevedra recibirán formación co obxectivo de converterse en modelo de educación e convivencia cidadá

254
  • Benestar Animal e o club Diverti Cans colaboran nos primeiros Cursos para a Boa Cidadanía Canina, que se desenvolverán en dous grupos de dez persoas durante os vindeiros catro meses
  • ‘Peludiños’ e coidadores deberán realizar unha avaliación final en torno a dez probas esenciais para poder obter os seus carnés de aptitude e chalecos/arnés de bos cidadáns caninos

A nosa cidade aspira a ter os cans e donos máis educados, respectuosos e civilizados do mundo. Despois de que a Concellería de Benestar Animal puxese en marcha a mediados de xuño o proxecto ‘Bo cidadán canino, boa cidadá canina’ cunha campaña para fomentar a recollida das deposicións e a limpeza dos ouriños nos espazos públicos, o concelleiro responsable da área, Marcos Rey, queren dar agora un paso máis nesta iniciativa de concienciación cos primeiros Cursos para a Boa Cidadanía Canina.

Unha vintena de ‘peludiños’ e coidadores, divididos en dous grupos de dez, terán a oportunidade de participar nestes talleres, que serán impartidos por monitores do club canino Diverti Cans a través dunha sesión semanal durante os vindeiros catro meses (tódolos xoves en horarios de 20:00 a 21:00 horas e de 21:00 a 22:00 horas). Unha vez finalizados os obradoiros, baseados nun programa de dez probas de comportamento esenciais, haberá unha avaliación final coa que, se logran superar o 80% das devanditas ‘materias’, lles será concedido nun acto público un carné de aptitude e un chaleco/arnés de bo cidadán canino.

O contido dos cursos foi presentado esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que acompañaron a Marcos Rey o máximo responsable de Diverti Cans, Carlos Souto, monitor experto no ámbito deportivo, e Diego Álvarez, monitor especializado nos eidos da obediencia e as modificacións de conduta. Segundo explicou o concelleiro de Benestar Animal, as sesións formativas desenvolveranse entre os días 9 de setembro e 2 de decembro “tanto nas instalacións do campo de agility de Couso (Lérez) como a través de clases itinerantes en diferentes puntos da cidade: os antigos terreos de Tafisa, a Praza de Europa (barrio de Monte Porreiro), a Alameda, a Praza de Amalia Álvarez, a Praza de Barcelos e a Praza da Constitución (Campolongo)”.

Tal e como sinalou Marcos Rey, para poder tomar parte nos Cursos para a Boa Cidadanía Canina, os cans aspirantes deben cumprir os requisitos de “estar censad@s en Pontgevedra, estar ao día na cartilla sanitaria (vacinación e desparasitación), dispor dun microchip, ter unha idade canina de entre oito meses e tres anos, non ser un CPP (Can Potencialmente Perigoso) e superar unha entrevista previa de valoración de conduta canina”. Rey precisou que todas aquelas persoas interesadas en inscribirse nos talleres poden facelo ata o día 9 de setembro a través do enlace apuntate.pontevedra.gal (as prazas daranse por orde de inscrición a todos aqueles que cumpran cos requisitos). Para obter máis información sobre esta actividade, Diverti Cans puxo a disposición o número de teléfono 627 937 281.

Converter Pontevedra nunha cidade exemplar

Carlos Souto amosouse orgulloso de que Pontevedra sexa “a primeira cidade galega en apostar por este título de Bo Cidadán Canino”, xa que “para vivir en sociedade hai que saber convivir, cousa que en moitos casos non está a acontecer nas nosas rúas”, con cans que non obedecen cando se lles chama e cans que morden. O responsable de Diverti Cans lembrou que “os cans non son xoguetes, non funcionan con pilas e teñen unhas necesidades: cando se lle dá o que precisa, o can é outro”. “Cando o curso remate, a xente que participe vai falar dun xeito moi distinto da súa mascota. A un can educado dá gusto levalo a pasear ou tomar con el unha cervexa nunha terraza. A nosa intención é que Pontevedra sexa unha cidade exemplar no mundo canino”, afirmou Souto.

O seu compañeiro Diego Álvarez agarda que os cursos permitan acabar con “conceptos erróneos” que temos sobre os nosos animais, como a existencia de cans dominantes, bos ou malos. O monitor especialista en obediencia e modificación de conduta precisou que “o principal problema dos cans hoxe en día é o estrés”, xa que “non os deixamos ser cans”. “Hai que evitar o antropomorfismo”, advertiu Álvarez.

Entre os contidos dos talleres inclúense dez probas que farán dos nosos cans bos cidadáns caninos, garantindo unha axeitada convivencia baixo unha disciplina e comportamento axeitados:

  1. Aceptar a unha persoa descoñecida
  2. Saudar, sentado/a, a unha persoa descoñecida
  3. Aparencia e hixiene
  4. Camiñar xuntos
  5. Pasear entre persoas
  6. Sentar, parar e tumbarse
  7. Resposta á chamada
  8. Relación con outros cans ou cadelas
  9. Reacción ante distraccións
  10. Separación supervisada

No que atinxe aos días e lugares previstos para a celebración das aulas, o calendario sería o seguinte:

9 setembro: Campo Agility
16 setembro: Tafisa
23 setembro: Campo Agility
30 setembro: Monte Porreiro
7 outubro: Campo Agility
14 outubro: Alameda
21 outubro: Campo Agility
28 outubro: Amalia Álvarez
4 novembro: Campo Agility
11 novembro: Barcelos
18 novembro: Campo Agility
25 novembro: Campolongo
2 decembro: Campo Agility