O Campionato de España de Maratón Corto ponlle a guinda a un mes de agosto repleto de probas de piragüismo de primeiro nivel en Pontevedra

25
  • O evento terá lugar esta fin de semana no encoro do Pontillón do Castro e nel competirán un total de 541 padexeiros (326 deles galegos) en categorías Sénior, Sub-23, Xuvenil, Cadete e Máster
  • As probas desenvolveranse nas disciplinas de K1 e C1 e os participantes deberán realizar un percorrido de tres voltas con dous porteos, completando unha distancia de 3.800 metros

Pontevedra pechará esta fin de semana por todo o alto, coa celebración do Campionato de España de Maratón Corto, o intenso calendario de piragüismo de primeiro nivel programado ao longo deste mes de agosto. O evento, organizado pola Federación Galega de Piragüismo (FGP) en colaboración coa Concellería de Deportes, a Real Federación Española de Piragüismo (RFEP) e o Consello Superior de Deportes, desenvolverase no Complexo Deportivo David Cal de Verducido (encoro do Pontillón do Castro) nas disciplinas de K1 e C1 e nel competirán un total de 541 padexeiros de categorías Sénior, Sub-23, Xuvenil, Cadete, Máster e Paracanoe, cunha destacadísima participación galega: ata 326 deportistas da nosa comunidade.

O Campionato, que terá lugar durante toda a xornada do sábado 28 e a mañá do domingo 29, foi presentado esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal polo tenente de alcalde e edil de Deportes, Tino Fernández, e o presidente da FGP, Alfredo Bea. Tal e como destacou Fernández, “o piragüismo volve amosar nestas regatas as súas credenciais de deporte rei na nosa cidade, con 267 dos 462 padexeiros inscritos en categorías Sénior, Sub-23, Xuvenil, Cadete e Paracanoe (un 58%) e 59 dos 79 que competirán en categoría Máster (un 75%) de orixe galega”. 

“A Escola de Piragüismo Cidade de Pontevedra achega ata 24 mozos e mozas a estas regatas, o Club de Piragüismo Verducido-Pontillón, 14, e o Club Naval de Pontevedra, 8. Isto, nun contexto no que Asturias aporta 60 deportistas, Madrid 34, Castela e León 26, Extremadura 23, Navarra 22, Castela A Mancha 13, Valencia 9 e o País Vasco 8. As cifras poñen unha vez máis de manifesto que somos unha superpotencia nacional e internacional deste deporte”, subliñou o tenente de alcalde.

En opinión de Tino Fernández, este Campionato de España de Maratón “supón un colofón perfecto” para este mes de agosto, no que “sen dúbida está a ser o ano da piragua en Pontevedra, con competicións de altísimo nivel e incluso clasificatorias para as Olimpíadas”. O edil de Deportes lembrou que “falar de piragüismo é falar do río Lérez e do Pontillón do Castro e de centos e centos de rapaces que moi a miúdo nos van dando alegrías”, e amosouse convencido de que “esta proba será un éxito de participación, público e tamén económico”. “Hai que felicitar á FGP polos seus éxitos e triunfos, non só nas distintas competicións, senón tamén facendo crecer as licencias dun xeito estratosférico”, apuntou.

Pola súa banda, Alfredo Bea asegurou que o piragüismo “é parte da historia desta cidade, na que naceu a semente coa que fomos quen de converternos en potencia mundial”. O presidente da Federación Galega fixo fincapé na “espectacularidade” das regatas de maratón, nas que os competidores deben cubrir no menor tempo posible un percorrido de longa distancia, transportando a súa embarcación a través dun número determinado de porteos (de entre 100 e 300 metros). Segundo avanzou Bea, para este Campionato de España “os deportistas protagonizarán un percorrido de 3 voltas e 2 porteos, completando unha distancia de 3.800 metros no Complexo David Cal (será de 2.700 metros, con 2 voltas e 1 porteo, nas semifinais de K1, e de 3 voltas sen porteos na categoría de Paracanoe)”.

As probas do sábado 28 centraranse nas categorías Sénior, Sub-23, Xuvenil, Cadete e Paracanoe e darán comezo, en horario de mañá, ás 9:00 horas, e de tarde, ás 16:00 horas, con saídas ata as 13:35 e as 18:55 horas e entregas de trofeos previstas para as 14:00 e as 19:30 horas. As competicións de categorías veteráns desenvolveranse na xornada do domingo 29, con saídas entre as 10:00 e as 12:55 horas e entrega de trofeos ás 13:30 horas. “Coas medidas Covid actuais, pode haber público, polo que as gradas permanecerán abertas”, indicou Alfredo Bea.