A Oficina de Turismo de Pontevedra rexistra un incremento dun 27% no número de visitantes durante o mes de agosto en relación a 2020

57
  • En base aos datos recollidos entre os días 1 e 23 deste mes, os turistas nacionais pasaron de 6.026 no mesmo período do ano pasado a 8.078 (2.052 máis), aumentando un 25,4%
  • Os visitantes internacionais que pasaron pola sede de Visit Pontevedra nas tres primeiras semanas de agosto creceron un 61,1%, de 152 a 391 (239 máis que o ano anterior)

Aínda que as sensacións de recuperación do sector turístico xa se podían intuír a simple vista nas ateigadas rúas da nosa cidade durante a época das Festas da Peregrina, os datos recollidos pola Oficina de Turismo de Pontevedra entre os días 1 e 23 de agosto deste ano veñen a confirmar eses latexos de melloría cun incremento dun 27% no número de visitantes rexistrados con respecto ao mesmo período de 2020: dos 6.178 do ano pasado a 8.469 (2.291 máis). 

A procedencia dos turistas que escolleron visitar a capital das Rías Baixas nas súas vacacións segue a ser esencialmente nacional, supoñendo un 95,38% do total e crecendo dos 6.026 rexistrados nas tres primeiras semanas de agosto do verán pasado aos 8.078 das deste 2021 (2.052 máis, cunha subida do 25,4%). Non obstante, as estatísticas recadadas na sede situada na Praza de España (á entrada da Casa Consistorial) tamén reflicten un importante aumento de visitantes internacionais, que rexistraron un incremento de 239 persoas no período de referencia, de 152 a 391 (un 4,62% do total), é dicir, un 61,1% máis.  

O informe emitido por Turismo de Pontevedra pon de manifesto o atractivo que a nosa cidade esperta entre madrileños (1.936, 45 máis que en 2020), cataláns (1.197, 683 máis), andaluces (984, 438 máis), valencianos (809, 390 máis) e vascos (764, 6 máis). Os seguintes en número serían os visitantes de Castela e León (592, 20 máis que en agosto de 2020), Aragón (400, 197 máis), Castela A Mancha (328, 54 máis), Murcia (227, 113 máis), Estremadura (171, 80 máis), Asturias (133, 16 máis) e Navarra (109, 18 menos), completándose esta clasificación de orixe de procedencia nacional con rioxanos (80, 19 menos), canarios (62, 40 máis), cántabros (55, 2 menos), baleares (54, 34 máis) e ceutís (2). Aínda que mantendo unha cifra significativa, o balance de turistas galegos sofre un lixeiro descenso, dos 193 de agosto de 2020 aos 175 do deste ano.

No que atinxe á orixe dos visitantes de procedencia internacional, os máis numerosos neste período do 1 ao 23 de agosto foron os franceses (109, 66 máis que en 2020) e os portugueses (100, 71 máis), seguidos moi de lonxe por alemáns (27, 9 máis), italianos (27, 13 máis) e oriúndos dos Países Baixos (22, 17 máis), México (16, cando en 2020 non se rexistrou ningún) e Reino Unido (14, 4 máis). Completan este cadro os turistas estadounidenses (8, 5 máis), arxentinos (7, 1 máis), venezolanos (5, 4 máis), irlandeses (4, 3 máis), brasileiros (3) suízos e xaponeses (5 en ámbolos casos, cando en 2020 non viñera ningún destes países), recolléndose tamén datos de 26 visitantes do resto de América (14 máis), 10 do resto de Europa e 3 do resto do mundo.

Unhas estatísticas que, segundo a concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, “mandan unha clara mensaxe de recuperación e de esperanza para un dos sectores máis castigados pola pandemia e poñen de manifesto o éxito acadado pola campaña de vacinación”. “Mesmo a pesar das restricións ás que nos obrigou a Covid, coa imposición de non levar máis de 20 persoas por grupo e de reducir o número de grupos por motivos de seguridade, o número de visitantes que participaron nas visitas guiadas mantívose en cifras semellantes ás do ano pasado (1.113, dos que 1.096 foron nacionais e 17 internacionais, fronte aos 1.263 de 2020). En 2020 puidemos organizar dous grupos de mañá e dous de tarde, mentres que este verán fixemos dous grupos de mañá e un de tarde, tendo que deixar xente fóra no horario de mañá moitos días, polo que poderiamos ter desenvolvido tres grupos nesta franxa”, aclara a edil socialista.