Uns 45 rapaces participaron este mes nos obradoiros e campamentos medioambientais organizados por Desenvolvemento Sostible

55
  • A pesar da boa saúde do Lérez, as batidas realizadas polos rapaces en táboas de paddle surf culminaron coa retirada de cabinas telefónicas, chasis de moto ou munición de armas de fogo
  • Entre os elementos recollidos nestes talleres de concienciación medioambiental tamén se inclúen tubos de escape, carros de compra, un remolque, unha guitarra, sinais e un casco de moto

Máis de 45 nenos e nenas participaron ao longo deste mes nos campamentos e obradoiros de medioambientais gratuítos impulsados pola Concellería de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural en colaboración con Carrefour baixo o nome de ‘Un verán salvando o río Lérez’. A pesar do bo estado de saúde do Lérez, nos rastrexos organizados pola escola de deportes urbanos Urban Culture Factory, efectuados por estes xoves equipos de limpeza sobre táboas de paddle surf, foron retirados algúns obxectos tan chamativos como cabinas telefónicas, chasis de motos, tubos de escape, carros de compra, un remolque, unha guitarra, tapacubos e pezas de coches, un casco de moto, varios sinais viarios, mascarillas, guantes, zapatos, prendas de roupa, cordas, botellas e outros materiais plásticos… E mesmo munición de armas de fogo, que foi entregada á Policía Nacional.

Testemuñas dos peculiares elementos retirados do río foron o tenente de alcalde e edil de Deportes, Tino Fernández, e o concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, que se achegaron ata a praia fluvial do Lérez para saudar a monitores e nen@s participantes nos campamentos. Fernández destacou o “excelente resultado acadado nesta experiencia”, na que a rapazada amosou “un gran nivel de participación, concienciación, educación ambiental, coidado do medio ambiente e responsabilidade”. “Sen dúbida -subliñou o socialista- sobrepasaron calquera expectativa previa”.

Neste mesmo sentido, Iván Puentes felicitou aos nen@s polo traballo desenvolvido nas actividades de protección e posta en valor do río Lérez, nas que, durante catro semanas, fixéronse talleres de balde con grupos de ata dez persoas, “que supoñen un exemplo para tod@s e que axudarán ás novas xeracións a concienciarse polo coidado da contorna fluvial e do medio ambiente”. “Como soe acontecer nestes casos, ao final temos moito máis que aprender nós deles que eles de nós”, asegurou o concelleiro.

Os campamentos de verán tiveron como eixo principal o concepto de ‘plogging’, unha modalidade deportiva impulsada desde Estocolmo (Suecia) que une a práctica deportiva co amor polo medio ambiente. Así, ao tempo que saían a practicar deporte, os rapaces ían recollendo os desperdicios que se atopaban. O termo é o resultado da fusión da popular palabra inglesa ‘running’ e a expresión sueca ‘plocka upp’, que significa recoller.

Desta modalidade de deporte xurdiu o espírito das xornadas, deseñando así unha actividade deportiva que axuda a mellorar a saúde dos nosos ríos, mares e praias.

As xornadas desenvolvéronse en dúas fases: primeiro, un achegamento dos grupos á problemática, con obradoiros didácticos de concienciación, para dar sentido e comprender a importancia da seguinte fase de recollida; e unha segunda fase, cos percorridos de paddle surf polo río, retirando os plásticos a flote e residuos das beiras do Lérez e da súa contorna fluvial para logo facer charlas e obradoiros co material recollido. Os talleres foron impartidos na sede da Urban Culture Factory, no número 44 da avenida das Corbaceiras.