Tino Fernández clausura o taller Vivir sen Ansiedade “gratamente sorprendido pola elevada demanda dunha actividade da que, sen dúbida, se farán máis edicións”

158

Coincidindo coa xornada de clausura do taller, o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Actividade Física e Saúde, Tino Fernández, achegouse esta mañá até o ximnasio do Pavillón Municipal dos Deportes para saudar aos 12 alumn@s participantes no obradoiro gratuíto Vivir sen Ansiedade, organizado no marco do programa municipal A Vida é Movernos. O edil socialista expresou a súa ledicia “ao comprobar a boa acollida dunha iniciativa tan esencial despois destes duros meses de pandemia, nos que as restricións e falta do contacto e os abrazos aos que estabamos acostumados repercutiron negativamente na nosa capacidade para controlar a ansiedade”.


Tino Fernández amosouse “gratamente sorprendido pola elevada demanda dunha actividade que esgotou as prazas dispoñibles nun suspiro e da que, sen dúbida, tentaremos organizar máis edicións e grupos”. O tenente de alcalde felicitou polo traballo desenvolvido á monitora do taller, Lucía Santomé, certificada no método LK-Movemento, “xa que as opinións que nos están a transmitir os participantes neste obradoiro non poden ser máis positivas e a única demanda que nos están a plantexar é precisamente que lle deamos continuidade, incrementemos o número de prazas e facilitemos o proceso de inscrición”.


As aulas, que permitiron aos participantes acadar ferramentas de relaxación mental a través do movemento corporal e a respiración, contaron mesmo coa asistencia do xogador da SD Teucro Marko Dzokic, que asegurou estar moi satisfeito cos resultados desta metodoloxía. 


Para obter información sobre este sistema de control da ansiedade poden consultar a páxina web www.luciasantome.com.