Amal en Ruta trae o mellor cinema árabe da actualidade até o Teatro Principal

145

É a sexta edición deste ciclo que se celebra na Boa Vila, ofrecendo un retrato de enorme interese sobre o mundo euroárabe e os seus actores

Celebrarase de balde entre o 7 e o 11 de setembro, cunha proxección diferente cada día, tres ficcións e dous documentais

O Amal en Ruta volverá de novo, por sexto ano consecutivo, a Pontevedra. O ciclo de cine euroárabe arribará no Teatro Principal o 7 de setembro, sendo sede e lugar de proxección até o 11 de setembro. Presentado este luns da man da concelleira de Cultura, Carmen Fouces, e do presidente da Fundación Araguaney-Puente de Culturas, Ghaleb Javer Martínez, buscará romper estereotipos, achegando a sociedade árabe ao país, ofrecendo unha visión ampla e multidimensional dunha cultura milenaria e erudita.

Na práctica, Amal en Ruta é un resumo da última edición da Semana de Cine Euroárabe Amal, celebrada en Santiago de Compostela, o pasado mes de outubro. Así, a escolla deste ano é representada a través de tres ficcións e dous documentais —serán proxectadas en versión orixinal con lendas en castelán—, permitindo crear un percorrido audiovisual polo mellor cine árabe da actualidade.

«Amal en Ruta é unha das citas que abre a programación cultural de outono na cidade», sinalou Fouces. «Para nós, volver contar con Amal en Ruta, é algo moi valioso. Son filmes dunha calidade magnifica, que invitan á reflexión e contan cunha temática que está de rabiosa actualidade, malia que poderíamos dicir que sempre o está. É un grande intre para ver cine árabe e comprender que está a acontecer no mundo».

A concelleira lembrou que esta edición é especial, perante a idea de continuar camiñando cara esa normalidade rota polo coronavirus hai xa máis de ano e medio. «Amal en Ruta ofrecerá momentos de cultura, momentos que nesta cidade tanto prestan», comentou. «Agardamos que a xente se achegue ao Teatro Principal, e que lembre que deberá cumprir coas medidas Covid do momento para poder gozar coa programación, para que todo siga funcionando, tal e como fomos sacando adianto toda a programación cultural nestes tempos, grazas ao respecto e da civilización da xente».

Pola súa banda, Ghaleb Javer, sinalou que «durante este período, a cultura converteuse nun sinónimo de liberdade, de soños e  de esperanza, mais tamén de reivindicación dun medio de traballo digno e honesto. Son tempos de remar con forza para levar este barco a bo porto». 

Nesta edición, o público poderá asistir ao ciclo de xeito gratuíto, mais si existirá unha limitación e unha restrición de aforo dentro da sala do Teatro Principal. Aqueles espectadores que se acheguen poderán gozar de cinco películas que reflicten unha gran diversidade de eidos e de realidades sociais: Adam (martes-7), conta a historia de superación dunha muller na que se aprecia como a comunidade serve de escudo protector; For Sama (mércores-8), é o diario dunha moza siria que dá a luz entre o horror da guerra; It must be heaven (xoves-9), preséntase como unha cinta palestina dirixida por Elia Suleiman, un dos máximos expoñentes do cine palestino con obras cheas de retranca ao estilo galego, lembrando que a vida tamén precisa de risas para ser tal; o documental Gaza (venres-10) retrata a vida cotiá dos cidadáns no Fronte de Gaza; e, por último, Tel Aviv on Fire (sábado-11) aparece como unha metaficción do conflito árabe israelí.

Segundo as medidas especiais de hixiene, protección e acceso á sala para manter a seguridade sanitaria será obrigatorio o uso de máscara en todo momento, de xel hidroalcohólico, manter a distancia mínima de seguridade dun metro e medio, e entrar e saír da sala ordenadamente, evitando as aglomeracións. As portas do teatro abriranse ás 20 horas. Non haberá butacas previas asignadas, e será o persoal da sala quen asigne as butacas segundo a orde de chegada.