Lores cualifica de “exemplar” o acordo coa Xunta que permitiu abrir hoxe o novo acceso da estación de autobuses

48

A vía está operativa dende esta mañá, cando o alcalde se achegou coa conselleira de Infraestruturas a ver o resultado da actuación, que forma parte da reforma integral da estación.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores acompañou esta mañá á conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez na visita e apertura da nova ponte sobre o río Gafos que conecta a estación de autobuses coa avenida Josefina Arruti. Este novo acceso á estación que está en funcionamento desde esta mesma mañá permitirá pechar a actual entrada e saída da estación cara a avenida da Estación.

O alcalde, que estivo acompañado do concelleiro de Infraestruturas, César Mosquera e do concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez indicou logo da visita á estación que “esta obra é un exemplo do que nos gustaría que fosen todas as obras que fan as administracións co Concello”.

Fernández Lores lembrou que renovar a estación ou facer o novo acceso para liberar a avenida da Estación “era unha necesidade”, e recordou que hai 10 anos o Concello tratou de facer este acceso “pero naquel momento non houbo a sensibilidade que houbo agora para atender as nosas necesidades: tanto para facer a conexión, como ao levantamento do río como para evitar tráficos innecesarios no centro da cidade”.

Sobre o atraso da obra explicou que a situación da pandemia fai que se atrasen todas as obras pero “hai que ser sensibles e entender que unha vez que se chega a acordo, un mes máis ou menos non hai problema. O problema é que non se chegue a acordo para algo necesario e imprescindible”, por iso confía en que “esta sexa a liña para seguir a facer cousas imprescindibles para Pontevedra”.