O Ganapán abre o mes de setembro no Mercado con talleres que farán moito máis divertidas a volta ao cole e as merendas dos máis pequenos

36
  • O programa dos talleres de lecer infantil organizados pola Concellería de Promoción Económica inclúe a elaboración de emparedados e dun saboroso petisco de avea e plátano
  • As actividades previstas no Espazo Crea consistirán na creación dunha funda para lapis e gomas con material reciclado e a confección dunha bolsa para levar as merendas ao colexio

O programa municipal O Ganapán abrirá esta fin de semana o mes de setembro no primeiro andar do Mercado de Abastos cuns obradoiros orientados a facer moito máis divertida a inminente volta ao cole e as merendas dos máis pequenos. Entre as actividades previstas nos talleres de lecer infantil organizados pola Concellería de Promoción Económica e Turismo inclúese a elaboración de nutritivas receitas e a confección de utensilios que serán de grande utilidade neste inicio de curso.

Para o sábado 4 de setembro, dentro do Espazo Gastro, está previsto un obradoiro no que os rapaces aprenderán a facer uns saborosos petiscos de avea e plátano ideais para acabar coa lareca que nos entra a media mañá e ter enerxía todo o día, mentres que, no Espazo Crea, os nenos confeccionarán e personalizarán estoxos para gardar os lapis e as gomas a base de material reciclado. Segundo explica a concelleira de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, na xornada do domingo 5 de setembro levaranse a cabo “un taller no que a rapazada aprenderá a elaborar uns divertidos emparedados, xa que as merendas non teñen por que ser aburridas, e dado que o novo curso está á volta da esquina, outro no que deseñarán unha bolsa moi especial para levar ao cole as receitas que preparen”.

As actividades, destinadas a nenos e nenas de 4 a 10 anos, vanse desenvolver en dúas sesións, con horarios ás 11:00 e ás 12:30 horas respectivamente, podendo realizarse as inscricións até ás 16:00 horas do día anterior á súa celebración a través da dirección de correo electrónico oganapan@gmail.com. “Unha vez máis -apunta Yoya Blanco- recomendo a tódolos asistentes que non se esquezan de portar a súa friameira para levar a casa os pratos cociñados”.