A Memoria das Mulleres tamén pode ser lembrada xogando

53

O proxecto municipal acaba de publicar un xogo en relación co mural ‘Mulleres de Pontevedra na historia’

Trátase dun cuestionario dixital que procura crear unha aprendizaxe interactiva e participativa a través da adiviñanza

Logo de cinco anos, o programa A Memoria das Mulleres continúa a explorar e a poñer en valor o legado feminino e histórico que as mulleres deixaron na Boa Vila. Ao longo deste tempo, o proxecto púxose como obxectivo contribuír ao coñecemento e difusión da historia das mulleres no ámbito pontevedrés, elaborando un fondo documental, gráfico e audiovisual; unha enciclopedia virtual sobre as mulleres do noso Concello ao longo dos tempos, facendo promoción e fomentando a participación dos centros educativos en todos estes procesos, e traballando na procura dunha colaboración activa entre todos os axentes sociais que traballan neste eido, sen esquecer o uso das novas tecnoloxías para o proceso de comunicación.

Agora, queda dispoñíbel un novo xogo que garda estreita relación cun dos murais máis recoñecíbeis da nosa cidade. Pensado como unha viaxe gráfica na rúa Poza dos Canos, adquire agora unha nova dimensión na web do proxecto, ao contar cun xogo interactivo de seu.

O xogo funciona como unha visita virtual ao mural ‘Historia das mulleres pontevedresas’, onde podemos premer sobre cada un dos números que acompañan as 23 mulleres incluídas no mesmo. A modo de adiviñanza, obtemos dez pistas biográficas sobre quen é a Muller que se agocha tras delas, tentando adiviñarmos a súa identidade.

Non é suficiente? Non pasa nada. Podemos premer na solución para así aparecer o seu nome, xunto cunhas breves liñas sobre a súa vida e o seu legado, amais dunha nova ligazón a unha biografía máis completa incluída ba mesma web do proxecto A memoria das Mulleres.