Os novos campos de petanca creados no barrio do Burgo acollerán este sábado o seu primeiro torneo coa celebración da III Copa Concello de Pontevedra

22

Tan só unha semana despois da súa inauguración, os campos de petanca creados polas concellerías de Desenvolvemento Sostible e Deportes no novo parque do barrio do Burgo acollerán esta fin de semana a súa primeira competición. Un total de nove equipos competirán este sábado 4 de setembro nos terreos situados entre a rúa Fernández e a avenida de Compostela (na parte traseira do Pavillón Municipal dos Deportes) na terceira edición da Copa Concello de Pontevedra de Petanca.


Tal e como sinala o tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, “o torneo desenvolverase ao longo de toda a xornada, disputándose a partir das 10:00 horas os encontros polos postos do 5º ao 9º e, xa pola tarde, a partir das 16:30 horas, as finais polos postos do 1º ao 4º”. “Supón unha enorme satisfación -subliña Fernández- que, apenas uns días despois da súa apertura oficial ao público, este parque, no que o Concello investiu 43.000 euros, se convirta naquilo para o que foi deseñado: espazo de encontro, práctica deportiva e vida social para a veciñanza pontevedresa. A paixón pola petanca segue a crecer no noso municipio e a Concellería de Deportes está a respostar construíndo novas infraestruturas que permitan a súa práctica nas mellores condicións (están previstos outros sete campos para este mandato)”.


Os equipos que tomarán parte nesta III Copa Concello de Pontevedra son O Pote (Mourente), O Mirador (Monte Porreiro), O Carballo (Mourente), San Andrés de Xeve, Centro Social (Pontevedra), Salcedo Norte, San Martiño (Salcedo), Verducido e Petanca Marín. O propio Tino Fernández presidirá o sábado a partir das 19:30 horas o acto de entrega de trofeos do torneo, que terá lugar cando remate a fase final e no que se outorgarán galardóns para os catro primeiros clasificados.