Víctor Loira prepárase para protagonizar unha nova proeza no Ultra Triatlón Tierra Astur co obxectivo de visibilizar as patoloxías intestinais

103
  • O vicepresidente de ASSEII, enfermo de Crohn e portador dunha bolsa de ostomía, afronta por segundo ano un reto no que percorrerá 10 km a nado, 410 en bicicleta e 84 correndo
  • A proba de ultradistancia, considerada unha das máis duras de Asturias, desenvolverase en tres etapas durante os días 9, 10 e 11 de setembro. Deberá completala nun máximo de 36 horas

Co obxectivo de continuar a visibilizar e concienciar á sociedade sobre patoloxías ‘invisibles’ como a enfermidade de Crohn e a colite ulcerosa e a realidade das persoas ostomizadas, o vicepresidente da Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais (ASSEII), Víctor Loira, viaxará nestes días até Asturias para protagonizar unha nova proeza deportiva e amosar que a enfermidade e o deporte non están rifados. Enfermo de Crohn, portador dunha bolsa de ostomía e con sedais perianais, Loira afrontará por segundo ano o Ultra Triatlón Tierra Astur, unha durísima proba de longa distancia que terá lugar no Principado durante os días 9, 10 e 11 de setembro.

O reto, que conta co respaldo das concellerías de Deportes, Actividade Física e Saúde e de Benestar Social de Pontevedra, foi presentado esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal polo propio Víctor Loira; o tenente de alcalde, Tino Fernández, e a presidenta de ASSEII, Ángela Paz, quen subliñou a importancia deste tipo de campañas de visibilización “que neste tempo permitiron, entre outras cousas, prestar atención psicolóxica a oito familias este ano, inaugurar cinco baños con aseos para persoas ostomizadas en toda España, repartir pañais entre aqueles que o precisan, que a nosa avogada loitara polos dereitos das persoas con distintas discapacidades e a distribución de 6.000 mascarillas entre os socios”. Na súa opinión, estes retos amosan que “se ben o deporte non cura as nosas patoloxías crónicas, si axuda a mellorar o noso estado físico e anímico”. 

Ademais, deste xeito, o colectivo presidido por Paz tamén se converte en embaixador “dunha cidade da que estamos moi orgullosos e orgullosas, xa que aposta pola integración e a convivencia, o deporte, a saúde, a accesibilidade e a sensibilidade coas distintas patoloxías”. “Como para nós coidar da saúde é o primeiro, Víctor realizará esta proba baixo as medidas anti Covid recomendadas, implantadas pola organización do evento, contando co seu certificado”, indicou.

O Ultra Triatlón Tierra Astur é unha tríatlon de ultradistancia construída sobre o formato ‘ultraman’ que, como explicou Víctor Loira, “é, se non a proba máis dura, unhas das máis esixentes que existen en Asturias”. “Consta de tres etapas ao longo de tres días -apuntou o deportista-, nos que os participantes deben percorrer un total de 504 km, dos que 10 serán nadando, 410 en bicicleta e 84 correndo, e todo nun máximo de 36 horas (12 horas para cada etapa)”.

Quedou a 4 km de conseguilo o ano pasado

Loira admitiu que o seu primeiro intento de superar o reto o ano pasado “case me custa un divorcio”, xa que “o último día, a 4 km, tiven que plantar, e a miña muller (Tita García, que tamén asistiu á rolda de prensa) non podía crer que eu plantase a 4 km”. “Nadei moi ben. Fixemos a natación de 10 km en augas abertas en catro horas e pouco e tamén me foi ben coa bicicleta, pero ao segundo día despegóuseme a placa, a peza que vai pegada no abdome coa bolsa de ostomía e cambiar todo iso supón case unha hora. Tiven que cambiala nunha pista que ademais non era o mellor lugar para iso e, a partir dese momento, púxenme un pouco nervioso, caín, pinchei a roda e quedamos a uns 30 ou 40 km de acabar ese día, que eran 280 km. O terceiro día viña a dobre maratón e aí decidín parar a 4 km”.

Víctor Loira está convencido de ir “nas mellores condicións” para superar o reto este ano, “coa cabeza, que é o máis importante, no seu sitio”, polo que aspira a converterse “no primeiro ostomizado e enfermo de Crohn que remata unha proba como esta, na que só somos 25 participantes”

Tal e como subliñou Tino Fernández, “aínda que a estas alturas Víctor Loira xa nos ten acostumados ás súas ‘heroicidades’, a súa fortaleza física e mental nunca deixa de abraiarnos: é un exemplo de superación e ASSEII non podería ter un mellor embaixador para darnos visibilidade aos que padecemos este tipo de enfermidades intestinais”. Neste sentido, o tenente de alcalde subliñou que Loira representa precisamente como ninguén “os fundamentos que definen a filosofía do Ultra Triatlón Tierra Astur, como a cultura do esforzo, o sacrificio, a superación persoal, o reencontro cun mesmo e os valores da humildade, a constancia e a amizade”. “É un orgullo que persoas como leven o nome da nosa cidade por toda España”, engadiu.

Fernández aplaudiu o labor “concienciación, información e axuda” desenvolvida por ASSEII a prol das persoas con enfermidades intestinais “ás veces en situacións moi complicadas, como foi a pandemia”. O tenente de alcalde agradeceulle a Víctor Loira que sexa “un valente”, xa que “é o exemplo vivo de que as persoas con doenzas podemos facer deporte con absoluta normalidade, e remate ou non remate, que seguramente este ano si, é un heroe non só non sentido deportivo da palabra, senón tamén no persoal”.

O acto de presentación do reto pechouse co visionado dunha peza audiovisual titulada ‘Historias dun ultramán’ e na que se conta a vida de superación de Víctor Loira nas súas propias palabras e nas da súa muller Tita, enferma de ELA. Loira foi incapaz de conter as bágoas ao vela: