O novo Transporte urbano conectará toda a cidade dende as 07.15 até as 22.30 horas de luns a domingo

85

As catro novas liñas habilitadas (ida e volta) ofrecerán saídas cada 15 minutos dende Monte Porreiro e percorrerán distancias entre 7 e 9 km en 25 ou 30 minutos, segundo a liña escollida.

Durante o mes de setembro poderase solicitar a nova tarxeta TPG, para que entre en funcionamento o 1 de outubro.

O Concello mellorará a información nas marquesiñas, na praza de Galicia e colocará monolitos con información nas paradas das dúas novas liñas urbanas.

O Concello de Pontevedra, a través do departamento de Mobilidade que dirixe Demetrio Gómez, continúa adiante coa campaña informativa sobre o novo servizo de Transporte Urbano de Pontevedra que se porá en marcha o vindeiro 1 de outubro.  Toda a información do servizo reside na web municipal: pontevedra.gal e ao longo deste mes irase complementando con carteis informativos nas marquesiñas de autobús, na parada de autobuses da praza de Galicia e, por vez primeira, instalaranse monolitos naquelas paradas que non dispoñan de marquesiña acristalada.

Mentres, a información do novo servizo de Transporte Urbano, que o Concello pon en marcha en colaboración coa Xunta de Galicia, atópase no portal https://www.pontevedra.gal/mobilidade/bus-urbano/. Xa reside nel o trazado das catro novas liñas urbanas (de ida e volta), as paradas das liñas praza de Galicia-Alba e praza de Galicia-Marín (no seu tramo de Pontevedra), así como o custe dos billetes e os lugares nos que se pode solicitar máis información sobre os tickets, bonos e tarxeta moedeiro do Transporte Público de Galicia (TPG antiga TMG) que se pode solicitar dende o 1 de setembro.

Os horarios das novas liñas

O vindeiro luns a Concellaría que xestiona Demetrio Gómez colgará na páxina web os horarios das catro novas liñas urbanas habilitadas, máis as vellas liñas cara Alba e cara Marín.

Os itinerarios destas liñas cubrirán todo o perímetro da cidade unindo todos os centros de atracción peonil, como centros sanitarios, administrativos, deportivos e o Campus universitario. Ademais, ofréceselle aos veciños e veciñas de Monte Porreiro servizo público de transporte semanal cada 15 minutos, dende as 07.15 horas até as 22.30 horas.

Os horarios das novas liñas son os seguintes:

A L1 Estacións – Xunqueira – Monte Porreiro terá unha distancia de 8 km e percorrerase nun tempo de 30 minutos.

  • De luns a venres, a primeira saída será ás 07.45 horas da mañá e a última ás 21.45 horas, con frecuencias de media hora, o que supón un total de 29 expedicións ao día.
  • Os sábados fará 15 expedicións con saídas cada hora empezando ás 08.00 horas e rematando ás 22.00 horas.
  • Os domingos e os festivos os horarios serán ás 10.00, 13.00, 16.00, 19.00 e 20.00 horas. 
Estacion Xunqueira Monte Porreiro
Estacion Xunqueira Monte Porreiro

A liña de volta entre Monte Porreiro – Xunqueira – Estacións percorrerá 8,4 quilómetros nun tempo de 25 minutos. 

  • De luns a venres, a primeira saída será ás 07.15 horas da mañá e a última ás 21.15 horas, en cadencias de media hora, o que supón un total de 29 expedicións ao día. 
  • Os sábados fará 16 expedicións con saídas cada hora empezando ás 07.30 horas e rematando ás 22.30 horas. 
  • Os domingos e os festivos os horarios serán ás 10.30, 13.30, 16.30, 19.30 e 20.30 horas.

Ao respecto das liñas azuis, a L2 Praza de Galicia – Monte Porreiro percorrerá 7,6 km en 25 minutos.

  • De luns a venres, a primeira saída será ás 07.30 horas da mañá e a última ás 22.00 horas cunha frecuencia de media hora, o que supón un total de 30 expedicións ao día. 
  • Os sábados fará 15 expedicións con saídas cada hora empezando ás 07.30 horas e rematando ás 21.30 horas. 
  • Os domingos e os festivos os horarios serán ás 07.30, 08.30, 11.30, 14.30, 17.30 e 21.30 horas. 
Praza de Galicia Monte Porreiro
Praza de Galicia Monte Porreiro

Ao respecto da volta, Monte Porreiro – Praza de Galicia, o percorrido será de 9,1 km que se fará en 27 minutos.

  • De luns a venres, a primeira saída será ás 07.30 horas da mañá e a última ás 22.30 horas cunha frecuencia de media hora, o que supón un total de 31 expedicións ao día. 
  • Os sábados fará 15 expedicións con saídas cada hora empezando ás 08.00 horas e rematando ás 22.00 horas. 
  • Os domingos e os festivos os horarios serán ás 08.00, 09.00, 12.00, 15.00, 18.00 e ás 22.00 horas.

Os convenios coa Xunta

A posta en marcha do Transporte urbano de Pontevedra faise en colaboración coa Xunta de Galicia coa que o Concello asinou dous convenios distintos: un que regula as novas rutas e outro que regula as tarifas.

No que respecta ás novas liñas, o Concello fai unha achega de 146.000 euros ao ano para sufragar estes servizos, que requirirán da incorporación de 2 autobuses máis no contrato. O convenio estará en vigor desde que a súa sinatura (o pasado mes de xullo) e ata o 31 de decembro de 2024.

A Xunta achega preto de 500.000 euros ao ano en concepto de obrigas de servizo público para o mantemento do contrato de transporte público do que forman parte as liñas obxecto o convenio co Concello de Pontevedra. 

Ao respecto do segundo convenio (o das tarifas) ten como obxectivo establecer un sistema de bonificacións tarifarias nos servizos internos, compatible co conxunto das viaxes no Plan de Transporte Público de Galicia. 

Este acordo permite bonificar como mínimo 0,50 euros en todas as viaxes internas no termo municipal de Pontevedra. Tamén se bonificarían integramente todos os transbordos realizados neste tipo de percorridos. 

O importe das bonificacións está abonado polo Concello, supoñendo o investimento anual de 145.000 euros. 

Estes descontos sumaríanse aos que xa se aplican por recorrencia grazas á implantación do Plan de Transporte Público de Galicia, resultando unhas tarifas medias inferiores ás actuais.

As novas tarifas

O prezo de billete para pago en metálico será de 1,50 euros. No caso de que o usuario dispoña da tarxeta de Transporte Público de Galicia (TPG) faráselle un desconto do 10%, é dicir, o billete queda en 1,35 euros. E no caso de que as viaxes sexan con orixe e destino Pontevedra, a esta rebaixa súmaselle a subvención municipal de 0,50 céntimos. É dicir, o billete quedaría en 0,85 euros. 

A maiores desta rebaixa, as persoas que empreguen a tarxeta da Xunta e sexan “grandes” usuarios do Transporte urbano poderán beneficiarse doutras subvencións que ten a administración autonómica para este transporte. No caso de superar as 20 viaxes ao mes faráselle un desconto do 25%, e no caso de superar as 41 viaxes, o desconto increméntase até o 50%, é dicir, o billete final sairá en 0,18 euros.