O Concello pregunta á Xunta quen pagará este curso a limpeza Covid dos centros de ensino en Pontevedra

7

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías lembrou que a competencia sanitaria e de educación é da Xunta, sen embargo foron os concellos os que asumiron este gasto o pasado curso, cando a Xunta recibe fondos do Estado para asuntos Covid.

O Concello pagou case 300.000 euros máis na limpeza de todos os colexios de Pontevedra, o que supón un 40% máis do gasto anual que superou o millón de euros.

O Concello de Pontevedra trasladará unha pregunta á Xunta de Galicia para coñecer cal será o protocolo Covid de limpeza que aplicará nos centros escolares, xa que a día de hoxe descoñece se terá que volver a asumir o sobrecuste do servizo que prestou no pasado curso, que se achegou aos 300.000 euros.

A portavoz do Goberno, Anabel Gulías explicou esta mañá que tanto a competencia sanitaria como a educativa recae nas mans da Xunta de Galicia, “e foron os concellos os que fixeron fronte ao servizo de limpeza Covid o pasado curso escolar”, cando a administración autonómica recibe fondos do Estado para a xestión da Covid que podía ter empregado para esta cuestión.

Anabel Gulías recordou que o ano pasado o Concello ampliou o servizo de limpeza en todos os centros de Infantil e Primaria do concello, así como na Escola infantil da Parda durante o horario lectivo, a maiores da habitual limpeza vespertina dos centros de ensino. Atendíanse: desinfección de aseos (dúas en horario lectivo), desinfeccións de pasamáns, pomos de portas, teléfonos de uso compartido, perchas… (continuamente), desinfección de espazos comúns como secretaría, recepción e similares (1 en horario lectivo), desinfección de espazos comúns como corredores, entradas, escaleiras (1 en horario lectivo), salas de reunións (baixo demanda), ascensores (continuamente), valeirado de papeleiras e outras (2 en horario lectivo) e no caso de persoas infectadas, adoptarse un protocolo específico.

O custe de aquel contrato foi de 296.904,53 euros, que sumados aos 750.000 euros que custa a limpeza anual dos centros de ensino en Pontevedra, o custe para o curso 2020/2021 en Pontevedra superou o millón de euros. E co novo protocolo Covid, custe do servizo incrementouse nun 40%.