Pontevedra achega o seu modelo e a súa experiencia a La Rochelle

2

Cunha tradición histórica importante e unha poboación de preto de 80 mil habitantes, La Rochelle, en Francia, é unha cidade que garda certas semellanzas con Pontevedra. A Boa Vila, convertida nos últimos anos nun referente internacional por mor do seu modelo urbano e de mobilidade, reclama interese de todas as partes do mundo, e neste caso veu a través dunha reunión con Olivier Prentout, concelleiro de Mobilidade en La Rochelle.

Foi unha conversa amable, onde César Mosquera, en representación do Concello de Pontevedra, achegou a experiencia obtida ao longo das dúas últimas décadas no que se refire a transformación urbana e mobilidade. A cidade francesa confesou fixarse na Boa Vila logo das múltiples reportaxes internacionais que foron aparecendo no país veciño, sendo un novo exemplo desa marca pontevedresa que vai quedando no globo a través dos medios internacionais.

Desde a vila francesa están tentando focalizar os seus esforzos nunha mellora da súa cidade, procurando dar un salto cualitativo. Após compartir diversas ideas, Prentout amosou un interese en coñecer a nosa cidade en persoa e así poder comprobar o conseguido, ofrecendo tamén unha invitación á inversa.