A Pontevedra 4 Picos BTT regresa este sábado como proba do Xacobeo e 1.500 participantes

49
  • A carreira dará comezo ás 8:00 horas no Campus Universitario, fronte á Escola de Enxeñería Forestal, realizándose cinco saídas de 300 ciclistas cada unha para evitar aglomeracións
  • Os participantes poderán completar a proba de xeito individual, por parellas, equipos de tres e mesmo e-bike. Haberá dúas distancias: dous picos con 60 km e catro picos con 130 km

A ‘clásica’ Pontevedra 4 Picos BTT regresará esta fin de semana, na que será a súa sétima edición, coa participación de 1.500 ciclistas e coa novidade de ser unha proba co patrocinio e a marca do Xacobeo 2021, o que lle outorga se cabe aínda máis categoría a un evento xa consolidado. A proba, de carácter non competitivo e na que deportistas e afeccionados deberán ascender cumios que rodean á cidade, desenvolverase en dúas distancias: dous picos con 60 km e 1.500 de acumulado positivo e catro picos con 130 km e 3.000 de acumulado positivo, establecéndose un tempo máximo de 12 horas para completar o percorrido.

A Pontevedra 4 Picos, organizada pola firma Global DXT grazas á colaboración da Concellería de Deportes, a Deputación Provincial, o Xacobeo 2021, múltiples comunidades de montes e firmas privadas como Raw (bebida oficial), Supermercados Froiz e Panaderías Xeve (subministradores da comida), terá lugar na xornada do sábado 11 de setembro, dando comezo ás 8:00 horas no Campus Universitario da Xunqueira, fronte a Escola de Enxeñería Forestal. De cara a ofrecer unha maior seguridade e evitar aglomeracións, tal e como esixe o protocolo anti Covid-19, realizaranse cinco saídas distintas de 300 participantes cada unha delas. As persoas inscritas poderán recoller o seus dorsais na zona de saída o venres día 10 a partir das 16:00 horas, tendo que acreditar mediante un test de antíxenos negativo que son Covid free (a organización porá a disposición daqueles que non leven o seu certificado un stand para a realización dos test).

A agardada proba foi presentada esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto protagonizado polo tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández; o deputado provincial Gregorio Agís; o xefe territorial da Consellería de Vicepresidencia e Turismo en Pontevedra, Ramón Pereiro (en representación do Xacobeo), e o director executivo de Global DXT, José Víctor Cimadevila. Tal e como lembrou Cimadevila, a 4 Picos naceu da man de Tino Fernández hai sete anos e acabou por converterse na “proba de ciclismo de montaña máis importante que se celebra, non só en Pontevedra, senón en Galicia, e unha das máis importantes de todo o territorio nacional”. 

O director de Global DXT salientou que se trata dun evento que está destinado a “todo tipo de corredores”, con ciclistas de carácter internacional “como o portugués David Vaz, recentemente campión da Epic Race Pontevedra e de diversas probas do calendario nacional” e cun “montón de participantes, rapazas e rapaces, que teñen como único obxectivo desfrutar do monte”. “Pechamos o cupo máximo de inscricións que nos marcamos, con 1.500 participantes, moitos galegos, de toda España e portugueses, o que, en tempos de pandemia, supón un volume moi elevado de xente”, apuntou Cimadevila.

Un referente a nivel internacional

Tino Fernández apuntou que “hai sete anos iniciouse unha aventura na que o Concello decidiu participar e que estaba destinada a xerar eventos de marca Pontevedra, que estiveran á Marxe dos ‘caprichos’ das federacións, co obxectivo de incidir nesa idea de que o deporte ten unha compoñente lúdica e competitiva, pero tamén económica, de activación da economía”. “A Pontevedra 4 Picos -engadiu o tenente de alcalde- naceu con humildade e hoxe, sete anos despois, a pesares da pandemia e das dificultades, é xa unha referencia a nivel internacional. A presenza de ciclistas de todo o Estado e de Portugal certifica que aquela idea que naceu hai sete anos, xerminou favorablemente”.

O concelleiro socialista destacou o traballo “case hercúleo” da organización, os voluntarios, Protección Civil e Policía Local para que un evento con esta cantidade de participantes cumpra cos estándares dos protocolos Covid, e avanzou a súa intención de que, en canto se poida, a proba recupere a súa data orixinal (entre finais de abril e principios de maio). Segundo explicou Fernández, “a proba poderá realizarse de xeito individual, pero tamén por parellas, equipos de tres persoas e mesmo en e-bike, o que fai que a 4 Picos ofreza opcións para todo tipo de ciclista e aumente o seu atractivo xerando moitas categorías”.

Gregorio Agís amosou o orgullo e pracer da Deputación en colaborar cunha proba que “foi ano a ano collendo corpo ata consolidarse e acadar un enorme nivel de coñecemento dentro do Estado e mesmo internacionalmente”. Agís asegurou que esta proba axuda a poñer Pontevedra dentro do mapa e “define a nosa provincia como un lugar ideal para o desenvolvemento de eventos deportivos, ao tempo que matizou que para unha administración que ten perspectiva de xénero, como a Deputación, “é importante verificar que ano tras ano, o número de mulleres participantes é maior”.

Pola súa banda, Ramón Pereiro afirmou que “esta proba, unha das máis importantes de España no seu eido, é moi relevante para a Xunta de Galicia polo seu papel dinamizador e porque implementa hábitos saudables”. “Este ano ademais especialmente, xa que discorre por varios treitos do Camiño Portugués, o cal é fundamental para a promoción do Camiño de Santiago neste dobre Ano Santo”, precisou o representante do Xacobeo.

Os participantes disporán ao longo da carreira de cinco avituallamentos e un final a cargo da bebida Raw, Supermercados Froiz, Bifrutas e Panaderías Xeve, todos eles entregados de forma embolsada para evitar calquera tipo de contacto dos ciclistas coa comida. Ao finalizar a proba, tódolos deportistas obterán a súa medalla Finisher, que nesta edición emula unha concha de vieira como homenaxe aos treitos do Camiño de Santiago polos que transita a 4 Picos. Ademais, haberá un premio especial para os tres primeiros clasificados de cada categoría, que se entregarán na zona de meta ás 18:00 horas do sábado.

Máis de 150 persoas, entre voluntarios, persoal da empresa Global DXT, Protección Civil e Policía Local dos nove concellos polos que pasa a proba, velarán pola seguridade dos participantes, contando tamén con tódolos servizos médicos establecidos pola organización.