As Matinés do Principal regresan á cidade con Balthazar e Maika Makovski

78
  • Ambos concertos, respectivamente o 30 de outubro e o 4 de decembro ás 12:30h., terán lugar de xeito excepcional no Pazo da Cultura por mor das obras no Teatro Principal.
  • A nova ubicación permitirá tamén un maior aforo dadas das restricións actuais ocasionadas pola pandemia
  • As entradas estarán á venda en www.ataquilla.com a partir do martes 14 a un prezo máximo de 18€ e haberá opción de abono para ambas datas a un custo de 32€.

A concelleira de Cultura Carme Fouces continuou desgranando esta mañá  Telescopio Cultural que xa avanzara e prometía unha morea de actividades entre as que se atopa un dos ciclos máis agardados e consolidados da cidade: As Matinés do Principal. “Un formato matinal que hai 5 anos foi un experimento, hoxe está consolidado en Pontevedra grazas á resposta do público e outros concellos comezan tamén a apostar por este modelo. A oferta, con dous concertos e algo máis reducida que en anteriores ocasiones porque a pandemia limitou a programación no primeiro semestre pero recuperamos  o pulso con dúas citas: Balthazar o 30 de outubro e Maika Makovski o 4 de decembro, ambas un perfil moi acaído do que son as Matinés.

Carme – que salientou e agradeceu o compromiso que Makovski tén co medioambiente –  apuntou ao Pazo da Cultura como escenario excepcional desta edición: “Estabamos pendentes de levar a cabo obras de mantemento no Principal e parece ser que botarán a andar a finais de outubro polo que será preciso desprazar ambas actuación sao Pazo. Sabemos que a xente está moi cómoda no Teatro porque está no centro da cidade pero este cambio vai permitir, mirando a parte positiva, máis aforo. Actualmente para a cultura está nun 50% polo que no Pazo poderemos achegarnos actualmente ás 400 butacas e agardamos que daquela a cousa teña mellorado e poidamos chegar ao 75%.

Pola súa banda, Carlos Montilla de I-radia Crea, celebrou e felicitou ao Concello por intentar recuperar a normalidade recuperando progresivamente a programación musical. ”Coido que Matinés consolidouse nestes ano por conxugar talentos e ser tamén un punto de atracción para o público de fóra que viña pasar unha xornada á cidade e penso que algo que se vai repetir nesta edición: A banda belga Balthazar, actuará por primeira vez en Galicia e ao non estar programada en Portugal coido que vai ser un reclamo. Igual que se fixo con The Jayhawks en xullo, voltamos ser pioneiros achegando bandas internacionais. No caso de Makovski é unha proposta nacional de calidade, identidade e máis persoal. Co seu último traballo que presentará en Galicia na súa actuación en Pontevedra, deu un paso adiante na súa banda para situarse na 1ª liga de Pop, Rock e Indie Nacional.

A entradas, que estarán á venda en Ataquilla.com a partir do martes 14, terán prezos de 16€ para as zonas C e D e de 18€ para as situadas no A e B. Regresará o formato abono que permitirá asistir a ambas citas por un prezo de 32€ e un ano máis, os menores de 14 anos terán un 50% de desconto.

BALTHAZAR, (sábado 30 de outubro de 2021, 12.30 horas). O quinteto belga lanzou o seu primeiro disco en 2010, ‘Applause’, e desde entón non pararon de sacar nova música e realizar xiras por todo o mundo.

Este ano volven aos escenarios co seu novo álbum ‘Sand’, un disco sedutor, elegante, sexy, que consolida o status que gañara o grupo dentro do soul-pop alternativo. Un novo traballo único na forma en que combina o pop minimamente arranxado coa elegante electrónica e os ritmos sofisticados.

Inmediatamente despois de ‘Fever’ -unha colección cálida e sinuosa de cancións cheas de groovies sureños- este novo disco avanza cara a novas direccións, audaces e emocionantes, no que fan bo uso da súa experiencia, trazando unha paisaxe sonora cinematográfica e fluída para que as súas cancións ardan. ‘Sand’ marca varias primicias para eles, unha banda que volve soar tan fresca e enérxica como o fixeron antes, en 2010, cando o seu debut cativou á crítica e ao público por igual.

MAIKA MAKOVSKI (sábado 4 de decembro de 2021, 12.30 horas). Maika Makovski non é unha artista predicible. O seu talento musical, a multitude de influencias que atesoura, e a urxencia do seu espírito, en constante procura, fan dela un nome verdadeiramente único na música actual.

Desde o despegamento da súa carreira con apenas 20 anos, mantívose fiel ás súas raíces e á vez perseverou de maneira incansable na procura do seu carácter propio, como demostra o seu último traballo, ‘MKMK’, que viu a luz o pasado 28 de maio; un disco luminoso e ruidoso, de texturas, nado para sorprender e axitar ao oínte. Moitas cousas dixéronse xa acerca de Maika Makovski, e moitas máis se dirán. Máis vidas que un gato,  Maika é música, actriz, artista visual e compositora.

No seu haber ten xa oito discos de estudo, un en directo, bandas sonoras de teatro e cinema, xiras que lle levaron a tocar en media Europa, Estados Unidos e  Latinonamérica, e aínda con todo, aborda esta nova etapa coa seguridade e a alegre convicción de que todo iso non é máis que o principio.