O Concello estuda o soto da Casa Consistorial mentres agarda o proxecto definitivo da reforma da primeira planta

38

Na primeira fase rehabilitarase a primeira planta onde se situará o salón de plenos e a Alcaldía institucional, e tamén resolverán a accesibilidade do edificio coa instalación dun ascensor.

A segunda fase será unha intervención no soto no que se están a facer catas nos muros para coñecer a pegada histórica do edificio.

O Concello de Pontevedra continúa a dar pasos para reformar a Casa Consistorial de Sesmeros situada na praza de España. En breve recibirá o proxecto de execución da reforma da primeira planta onde está previsto crear un salón de plenos de lado a lado na fachada da praza de España e unha Alcaldía institucionall na fachada da Alhóndiga. Ascensor, espazos de office e de estar, ademais de baños completarán a reforma que poderá estar en contratación neste ano e comezar a obra cara finais de 2021 ou primeiros de 2022. O orzamento reservado para esta anualidade é de 300.000 euros

O alcalde e a concelleira de Réxime Interior e portavoz do Goberno, Anabel Gulías visitaron esta mañá a Casa Consistorial acompañados do arquitecto Xefe e do arqueólogo municipal para ver como quedará a reforma proxectada e tamén para coñecer de primeira man as catas realizadas nos muros do edificio que empezan da dar datos da pegada histórica da Casa Consistorial.

O alcalde explicou que o Concello acometerá nunha primeira fase a rehabilitación da primeira planta: a zona institucionall, e tamén resolverá a accesibilidade do edificio coa instalación dun ascensor.

A segunda fase será asumir a reforma do soto no que xa se fixeron catas para coñecer a súa pegada histórica, que se conformará xunto á escasa documentación que se atopa no Arquivo municipal.

Fernández Lores lembrou que o propósito é poñer a disposición dos pontevedreses e pontevedresas a Casa Consistorial co traslado dos plenos municipais, habilitando espazos para recepcións, presentacións…

Tal e como recordou o arqueólogo municipal, Xoán Carlos Castro, a Casa consistorial atópase nun solar con séculos de historia, que no XV acollía a torre principal que tiña a vila amurallada de Pontevedra. Chamábase Bastida grande.

Visita Casa Consistorial catas nos muros 3
Visita Casa Consistorial

Posteriormente derrúbase para construír as Casas do Concello que estiveron neste lugar durante moitos anos. Cando Sesmeros executa a construción da actual Casa Consistorial, cara finais do século XIX, derrúbanse os muros e o alzado, pero as catas actuais comezan a desvelar que non se baleirou todo o edificio “e é posible que agoche pegadas dos seus predecesores”, explicaba Xoán Carlos Castro.

O edificio de Sesmeros volve a reformarse no ano 1944 para a chegada do ditador Francisco Franco onde se escava o soto e se instala unha escaleira imperial que é a que existe na actualidade, sendo os datos revelados polo arquitecto Xefe municipal, Ángel Velando.