Desenvolvemento Sostible investirá máis de 150.000 euros no proxecto de posta en valor e reapertura ao público dos xardíns da Uned

33
  • No marco dunha visita institucional, o tenente de alcalde, Tino Fernández, dá a coñecer algunhas características da intervención ao reitor da Universidade, Ricardo Mairal
  • Fernández avanza que o anteproxecto será presentado aos veciños de Monte Porreiro coa finalidade de recoller as súas demandas e consensuar as obras, que darán comezo este mesmo ano

O proxecto de mellora paisaxística, posta en valor e reapertura ao público dos xardíns do centro asociado da Uned en Monte Porreiro suporá un investimento de 151.250,19 euros por parte da Concellería de Desenvolvemento Sostible, terá un prazo de execución de catro meses e porase en marcha este mesmo ano, polo que o remate das actuacións está previsto para o inicio de 2022. Así llo comunicou o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, ao reitor da Universidade Nacional de Educación a Distancia (Uned), Ricardo Mairal, no marco dunha visita institucional ao Concello que o socialista aproveitou para amosarlle sobre un bosquexo algunhas das características básicas desta intervención.

A recepción tivo lugar esta mañá no despacho da Alcaldía e nela tamén participaron a concelleira de Igualdade e Universidade, Yoya Blanco; o director do centro asociado da Uned en Monte Porreiro, Víctor Manuel González; o seu subdirector, Alfonso Vázquez, e o seu reponsable de Extensión Universitaria, Rafael Cotelo. Durante o encontro, no que se agasallou a Mairal unha Caixa Branca de Turismo de Pontevedra (como a que se lle entregara ao presidente, Pedro Sánchez, en Fitur) e unha bolsa  do Concello con diverso material, abordáronse, entre outras cuestións, as colaboracións que a Administración Local e a Uned están a desenvolver en materia de igualdade, emprazándose de cara ao vindeiro 8 de marzo para seguir realizando iniciativas en común.

Tal e como subliñou Tino Fernández, “como non, tamén se falou dun dos proxectos estrela para este ano e para este mandato, que é a mellora e recuperación dos arredor de 18.000 metros cadrados de xardíns da Uned para uso público”, resultado dun convenio de cesión asinado no primeiro semestre deste ano polo Concello co consorcio responsable da xestión do centro (unha cesión a catro anos con posibilidade de prórroga). “Trátase dun espazo absolutamente singular e espectacular, con árbores senlleiras, cunhas posibilidades enormes para potenciar o barrio de Monte Porreiro e Pontevedra. Por suposto, convidamos ao reitor -indicou o edil do PSOE- a que, cando este proxecto estea rematado, nos visite de novo para inaugurar e percorrer eses xardíns e desfrutar da nosa cidade”.

A intención de Fernández e do concelleiro de Desenvolvemento Sostible, Iván Puentes, é a de presentar os detalles do anteproxecto aos propios veciños de Monte Porreiro coa finalidade de recoller as súas demandas e poder consensuar as actuacións que se levarán a cabo. Entre os detalles que o alcalde en funcións lle avanzou hoxe ao reitor da Uned inclúese a apertura física do espazo, facendo posible o acceso peonil polas rúa Italia e Francia e unindo os xardíns ao barrio e ao parque do Mirador mediante un tratamento de plataforma única na zona na que se atopa a entrada principal ao centro (na encrucillada entre as rúas Francia e Italia); a ampliación dos itinerarios peonís e a súa conexión coa rede existente; a visibilización do valor do patrimonio natural do contorno; a xeración dun espazo accesible, seguro e inclusivo, e a instalación de novo mobiliario urbano, alumeado e sistema de rega.

Motor de transferencia do coñecemento e a divulgación científica

Ricardo Mairal lembrou que o centro asociado de Pontevedra “cumprirá 50 anos dentro de moi pouco, téndose constituído como un dos centros de referencia a nivel nacional”, en boa medida grazas á “exquisita sensibilidade amosada polo Concello cara á nosa Universidade, materializada nunha presenza notable de estudantes: damos servizo a máis de 5.000 estudantes e a máis de 10.000 en cursos de Extensión Universitaria que supoñen unha resposta rápida ás competencias que demandan os mercados laborais”. O reitor da Uned afirmou que, tras esta bagaxe de éxito, o centro asociado buscará agora dar un “salto cualitativo” e impulsar a súa “ollada innovadora”, con proxectos que se darán a coñecer nos vindeiros meses, “coincidindo cun evento moi importante para esta institución, como é a celebración do seu 50 aniversario en 2022, con moitos actos que terán lugar en Pontevedra”.

Sen desvelar en detalle estas novidades, Ricardo Mairal adiantou que os novos proxectos centraranse, ademais de en “dúas liñas directrices fundamentais como a renovación académica e un ambicioso plan de transformación tecnolóxica”, na conversión dos centros asociados “non só en espazos onde se imparten titorías e coñecemento, senón tamén en centros a través dos que se poidan impulsar políticas de emprendemento e empregabilidade, de investigación, de transferencia do coñecemento e de divulgación científica”. “Temos varios programas nesa dirección e ese é o salto cualitativo que precisa a Uned e, sobre todo, que a sociedade nos está a demandar”, asegurou Mairal.