O sector da perruquería e a estética tomará a Praza da Peregrina o 20 de setembro nun Rizando o Rizo deseñado en formato de business meeting

275
  • O programa impulsado pola Concellería de Promoción Económica será conducido pola actriz e xornalista Fátima Mella e incluirá desfiles, entrevistas e mesmo unha actuación acrobática
  • O evento, organizado pola Asociación Provincial de Perruqueir@s en colaboración con Pontevedra Digital e #PonteLovers, servirá de escaparate para dez centros profesionais

Unha decena de firmas pertencentes ao sector da perruquería e a estética sairán á rúa o vindeiro luns 20 de setembro para amosarnos os seus traballos, experiencias e tendencias nunha nova edición do programa municipal Rizando o Rizo, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo e a Deputación e organizado pola Asociación Provincial de Perruqueir@s en colaboración coa empresa Pontevedra Digital e a plataforma #PonteLovers. O evento desenvolverase no privilexiado ‘escaparate’ da Praza da Peregrina cunha novidosa formulación, baseada no formato business meeting, no que salóns de expertos protagonizarán unha interesante mostra dos seus servizos, cunha proposta que incluirá desfiles exclusivos, moda, entrevistas e mesmo unha actuación acrobática.

As actividades deseñadas para Rizando o Rizo 2021 foron presentadas esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto no que participaron a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, e a presidenta da Asociación Provincial de Perruqueir@s, Beatriz Pintos. Segundo avanzou a edil do PSOE, “o meeting será presentado pola actriz e xornalista da TVG Fátima Mella co apoio da propia Beatriz Pintos, que conducirán esta espectacular exhibición durante unhas tres horas, entre as 17:00 e as 20:00 horas”. “Discorrerá nun escenario, con decoración e mobiliario de empresas locais, dando visibilidade non só aos profesionais da perruquería e a estética, senón tamén a outros sectores do noso tecido empresarial local, como Senso Emociones y Muebles e Floristería Peregrina, encargadas deste atrezzo”, apuntou Blanco.

Nesta mesma liña, os traballos e tendencias que se presentarán (peiteados, maquillaxe…) virán acompañados de moda do noso comercio local, aproveitando a ocasión para darlles visibilidades ás tendas de proximidade. Tal e como subliñou Yoya Blanco, entre as diferentes intervencións previstas “para esa máxica xornada de beleza, con música en directo” destacan as seguintes:

  • Betty Peluquerías, falando do seu relevo xeracional.
  • Academia de Peluquería Rizo Belle, coa presentación de traballos de alumnas da escola.
  • O pontevedrés Óscar Mendoza, CEO e fundador de Hospital Capilar, que logrou que España sexa recoñecida como referente en enxertos capilares e que conta con centros en Pontevedra, Madrid e Murcia (con vindeiras aperturas en Alemania, Francia e Italia).
  • Mónica Pintos, con Bio Make Up Maker, que explicará en que consisten os seus tratamentos vip de beleza saudable, con produtos da nosa terra (atopables no contorno do municipio).
  • Diversas perruquerías de Pontevedra amosarán recollidos, tendencias, perrucas…
  • Asemade, haberá espazo para unha actuación artística acrobática protagonizada por Rebeca Santos, directora da escola Gotic Circus School de Pontevedra.          

Entre as perruquerías participantes tamén figuran Dona Bela, New Style estilistas, JCbarbershop, Ana Barros e Tocados Aramar, e entre as firmas colaboradoras Chamonix Moda, Your Way Store, Nalatcha, Almagemela, Senso Emociones y Muebles e Floristería Peregrina.

A concelleira de Promoción Económica explicou que, de cara a manter as máis estritas condicións de seguridade e prevención contra a Covid-19, o departamento que dirixe colocará cadeiras na Praza da Peregrina para todos aqueles que queiran presenciar o business meeting. Yoya Blanco salientou o esforzo realizado durante este complicado período polos perruqueiros e perruqueiras, membros dun dos sectores máis castigados pola pandemia, “que a pesar de ter aínda restricións de aforo, están a traballar moi duro”.

Pola súa banda, Beatriz Pintos agradeceu á concelleira socialista o seu apoio na organización deste evento, xa que “a verdade é que o sector o precisa” e ademais supón unha oportunidade de axudar a outros sectores, xa que “a perruquería vive da xente, dos demais servizos e negocios”. “Pasámolo moi mal -admitiu a presidenta do colectivo- e estamos comezando a pasalo un pouco mellor. É unha ledicia ver que podemos colaborar entre todos, aunar esforzos e facer cousas xuntos. Chamas a unha tenda de roupa e di que si, chamas a unha de decoración e di que si… Iso axuda moito a celebrar un evento que sempre organizamos con moitas gañas”.

Os clientes buscan cortes persoais máis que tendencias

Ao seren preguntada polas tendencias actuais, Pintos destacou que “o mellor de todo é que a xente por fin está a levar o que de verdade quere”, é dicir, “aínda que hai tendencias, cada persoa quere facerse algo individual e personalizado, o que supón un reto”. Tal e como matizou, a pesar de que “efectivamente volven as melenas, os bob, máis longos, máis curtos, os flequillos… Ao final temos que adaptarnos á fisionomía de cada un”. “Cada un temos a nosa personalidade -afirmou- e non temos que seguir eses estándares de moda. Agora toca cortar cabelo, xa que pasou o verán, e veñen as medias melenas e o método curl, pero a xente xa non vén con fotografías para verse como a actriz de turno, senón que busca personalizar e un corte que lle quede ben a ela. Gústanos, para nós é un reto e coido que unha das partes máis bonitas da perruquería: que a persoa saia satisfeita polo que ela pediu e non porque o leve fulatina ou menganita”.

Beatriz Pintos indicou que o sector vive un repunte de demanda desde o mes de agosto, motivado polo feito de que “aínda que haxa que estar con mascarilla, entendeuse que os eventos teñen que celebrarse, a hostalería ten menos restricións e soubo adaptarse e hai noiv@s que tiveron que atrasar as datas da voda tres ou catro veces e chega un momento no que ten que facerse”. Ao seu xeito de entender, “o único problema nestes intres é que tódalas vodas e eventos se organizan de mañá e vémonos un pelín agobiadillas, especialmente en certos días, xa que non podemos repartir á clientela entre mañá e tarde”.