‘Pisando Forte’ e a ‘Escola Feminista da Mocidade’ abren inscricións para a súa segunda quenda

78

O Concello continúa a apostar polo apoio á mocidade, en forma de entretemento, formación e socialización 

Xa están abertas as incricións para as novas propostas a través de https://apuntate.pontevedra.gal/

Os programas ‘Pisando Forte’ e ‘Escola Feminista da Mocidade’ continúan o seu camiño cunha continuación das súas actividades. Ao longo dos vindeiros meses, até rematar o ano, a xuventude pontevedresa achará neles diversas opcións de ocio alternativo, máis tamén de formación e entretemento. 

O programa Ponteverán, que gozou dun «éxito absoluto», en palabras do concelleiro de Xuventude, Alberto Oubiña, dá paso agora a estas novas propostas, logo de obter unha serie de valoracións totalmente positivas. 

«Con esta formación queremos, aparte de apoiar á mocidade, pensamos axudala a progresar persoalmente e, por suposto, adquirir competencias en igualdade tal e como fomos traballando con todo o programa que é Xuventude en Rede», sinalou Oubiña na rolda de prensa celebrada esta mañá de venres. 

Nesta segunda volta da Escola Feminista da Mocidade, serán realizadas seis actividades, todas elas na Casa Azul. «Volvemos ao formato presencial cando podemos porque cremos, sen desmerecer as vantaxes do dixital, aporta algunhas cousas que por esa vía non se acadan do mesmo xeito, é diferente na socialización e á hora de fomentar a unión entre as persoas que participan», explicou o concelleiro. 

Das seis actividades, catro entrarán dentro da categoría de Obradoiros Teórico-Creativos, unha na de Novas Masculinidades Disidentes e, a última, no Círculo de Mimos. Hai un total de 111 prazas, sendo algúns obradoiros mixtos, outros exclusivos de mulleres, e outros exclusivos de homes. Neles atopamos diversas temáticas e propostas, como storytelling, fotopoesía ou formación en novas masculinidades, por exemplo.

Doutra banda, regresa Pisando Forte con tres cursos, dando unha volta aos típicos obradoiros, tentando ir sempre un pasiño máis alá. Neste caso, haberá 55 prazas distribuídas nas tres actividades. O primeiro deles estará ligado aos montes coas ‘Xornadas sobre aproveitamento montes e especies’ —será o único a desenvolver no Pazo da Cultura—, a segunda coa creación dixital e audiovisual, co obradoiro teórico-creativo ‘Como convivir con boomers’, namentres a terceira actividade será un ‘Curso de práctica política, coñece os teus dereitos’. 

Todo aquel que queira formalizar a súa inscrición pode facelo xa a través da web oficial https://apuntate.pontevedra.gal/ (os residentes pontevedreses terán preferencia, mais o Concello anima a inscribirse a todo aquel que lle interese, perante a posibilidade de quedar prazas libres).