Un equipo de relatores de primeiro nivel protagonizará o foro formativo virtual para o relanzamento empresarial FormaEmprende 2021

58
  • O espazo de encontro online impulsado pola Concellería de Promoción Económica en colaboración coa firma Docensa desenvolverase entre os días 13 e 30 de setembro
  • Os webinarios serán transmitidos en directo a través da plataforma dixital Zoom en horario de 15:30 a 16:30 horas e están dirixidos a autónomos, pemes e futuros emprendedores

Un equipo de ‘gurús’ procedentes de áreas tan diversas como o márketing dixital, o neuromárketing e intelixencia comercial, a intelixencia emocional, as finanzas, a asesoría de empresas ou a formación protagonizará o foro formativo virtual  para o relanzamento dos negocios locais FormaEmprende 2021. O programa online, impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo en colaboración coa firma Docensa Formación, está especialmente dirixido a emprendedores e futuros emprendedores coa finalidade de achegar pílulas inspiradoras que axuden a mellorar resultados e competencias de autónomos e pemes no mercado actual.

O espazo de encontro virtual ten as súas orixes no Foro PontEmprende, que se transformou por mor da Covid-19 nun evento formativo online mediante vídeo conferencias (webinarios) e que desde este ano pasou a denominarse FormaEmprende. Tal e como avanza a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, as charlas desenvolveranse entre o 13 e o 30 de setembro, de luns a xoves, en horario de 15:30 a 16:30 horas, e nelas “os relatores abordarán temas de moita actualidade para emprendedores e comerciantes, co obxectivo de axudar a facer os seus negocios máis competitivos e viables”.

“Este programa de relanzamento empresarial -subliña a socialista- é totalmente gratuíto e todos aqueles autónomos, pemes e emprendedores que queiran participar deberán inscribirse previamente a través da páxina web www.formaemprende.com”.

Tal e como explica o seu organizador, José Luis Bouzas, de Docensa Formación, “trátase dun espazo de encontro virtual entre emprendedores e expertos formadores e profesionais experimentados en diversas áreas do emprendemento, que busca ofrecer unha base firme para entender a dimensión dos cambios que se teñen producido e potenciar unha actitude de reacción inmediata para favorecer ao comercio local e ás pequenas empresas do noso contorno”.

O programa de FormaEmprende 2021 conta cos seguintes relatores e vídeo conferencias previstas:

Luns 13 de setembro:

Javier Rivas: ‘Os erros máis comúns do emprendedor’. Un webinario que abordará os erros máis habituais que conducen á maioría de emprendedores directamente ao fracaso. Aprenderase nunha hora o que a maioría aprende cando xa é demasiado tarde. O éxito non pode garantirse, pero si se pode evitar o fracaso onde a maioría o fai… Que non é pouco.

Martes 14 de setembro: 

Pablo García Fortes: ‘Por que os meus clientes non me entenden’. E se puideses coñecer un xeito de mellorar a túa comunicación e o teu grao de influencia e de fortalecer a relación cos teus clientes dunha forma sinxela e rápida? E se puideses adaptar a túa comunicación segundo o cliente que teñas diante para que esta sexa máis eficiente? E se puideses predicir o comportamento dos teus clientes? Ou mellor aínda, e se puideses predicir as súas pancas de motivación e necesidades? A boa nova é que isto é posible.

Mércores 15 de setembro:

Baltasar Dutor: ‘Educación e planificación financeira’. Un webinario dirixido a calquera persoa que queira aprender a tomar a rendas da súa vida financeira. É unha formación moi sinxela e útil para aprender a administrar ben os nosos cartos e aforros, saber como investir de forma segura, coñecer como funcionan os mercados financeiros ou comprender as reformas nas pensións, por exemplo. Temas que todos podemos saber por enriba, pero que quizais ninguén nos explicou nunca e que agora este taller nos vai axudar a comprender mellor.

Xoves 16 de setembro:

Ester Vega: ‘Factores de éxito que todo emprendedor debe coñecer’. Internet, a masificación dos mercados, os cambios de hábitos nos clientes, a globalización, a Covid… Teñen mudado para sempre o xeito de facer negocios. E moitas pequenas e medianas empresas atopan serios problemas para adaptarse. Existen varios factores que todo emprendedor e empresario que queira comezar a marcar unha diferencia nos seus resultados debe coñecer. É hora de tomar decisións para avanzar e crecer.

Luns 20 de setembro:

Guille Bouzas: ‘Principios fundamentais do márketing dixital’. Neste webinario abordaranse os principios básicos do márketing dixital para escalar no teu negocio e aumentar as túas vendas. Á hora de formular unha estratexia de márketing dixital é necesario que a túa empresa cumpra con certos principios básicos dos negocios e que teñas a información precisa para dirixir os teus esforzos apropiadamente e aumentar as probabilidades de éxito.

Martes 21 de setembro:

Alberto Falcón: ‘WhatsApp Marketing como ferramenta de venda’. WhatsApp, con máis de 2.000 millóns de usuarios activos ao día, é a plataforma ou rede social estrela, xa que practicamente tod@s nos comunicamos en todo momento e dunha forma áxil e inmediata a través dela. Neste relatorio falarase de como sacarlle o máximo partido a esta ferramenta e desgranaranse as formidables funcionalidades que ten WhatsApp Business para comercios e empresas.

Mércores 22 de setembro:

Dani Diéguez: ‘Como crear imaxes e vídeos sinxelos para RRSS’. Cada día é máis importante coidar a imaxe que os nosos negocios amosan cara ao exterior… Pero non sempre é fácil dispoñer da economía suficiente para contratar a unha boa axencia de publicidade para que xere material para as nosas redes sociais. Neste webinario descubrirás como ti mesmo podes crear imaxes e vídeos realmente atractivos, dos que te sintas orgulloso e te apeteza publicar nos teus perfís de Facebook, Linkedin ou Instagram.

Xoves 23 de setembro:

Antonio Comesaña: ‘Casos de uso de tecnoloxía Blockchain aplicados a negocios’. Neste webinario explicarase brevemente en que consiste a tecnoloxía Blockchain e as súas características, así como algúns dos casos máis exitosos en distintos sectores para que poidamos abrir a mente cara a unha tecnoloxía co potencial de crear novas bases para os sistemas económicos e sociais.

Luns 27 de setembro:

Pepe Cabello: ‘Vitaminas para o teu negocio’. Neste taller, Pepe Cabello desvelará cales son os nutrientes que o noso negocio precisa para fortalecer o sistema inmunolóxico organizacional para seren funcional e operativo nun ambiente hostil como o que estamos a vivir. 

Martes 28 de setembro:

Manuel Conde: ‘Como transformarte desde a adversidade’. Neste webinario de Manuel Conde poderemos aprender como aplicar principios de intelixencia emocional para transformarmos e reverter situacións incómodas para poder superar o temor a non poder reconstruírnos. Baseado nas propias experiencias vitais do autor, daranos pautas para comprender que ningunha realidade destrúe, o que destrúe é non facerlle fronte. O que nos constrúe é o amor cara a nós mesmos, para agradecer cada unha das caídas que nos fan ver onde está a ferida que temos que sanar para avanzar.

Mércores 29 de setembro:

Raquel Arbizu: ‘A comunicación como ferramenta estratéxica’. O paradigma da comunicación mudou completamente. Atopámonos inmersos nun universo de información que cambia e varía á velocidade da luz e que nos bombardea permanentemente. Na actualidade xa non hai un emisor, un receptor e unha mensaxe. Se queres coñecer cal é a realidade da comunicación actual e aprender a conectar cos teus clientes (estean onde estean), non perdas este relatorio no que se darán as claves do novo paradigma da comunicación.

Xoves 30 de setembro:

Roberto P. Marijuán e Juanjo Romero: ‘Visual sales. As vendas como nunca chas contaran’. Os clientes buscan solucionar os seus problemas e satisfacer as súas necesidades pola súa conta e, en moitas ocasións, só chegan a nós despois de ter feito unha preselección. As ‘visual sales’ son un conxunto de técnicas que, aplicadas de forma correcta na comunicación dos negocios, permiten obter dúas vantaxes: 

  1. Ter máis posibilidades de resultar a opción a considerar polos potenciais clientes.
  2. Incrementar a aceptación de propostas fronte ao resto de competidores.