A feira Pontebirra saciará o padal dos amantes do elixir de cebada e lúpulo cunha oferta que permitirá degustar ata 70 tipos de cervexa artesá diferentes

269
  • O evento, organizado pola Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns grazas á colaboración da Concellería de Promoción Económica, terá lugar os días 16, 17, 18 e 19 de setembro
  • Unha ducia de cervexeiros artesáns procedentes de toda Galicia, Toledo e Madrid participarán no festival, que terá lugar na Praza da Ferrería e que tamén contará con food trucks

Ata 70 tipos de cervexas artesás diferentes terán a oportunidade de degustar os amantes do elixir de cebada e lúpulo que durante os vindeiros días 16, 17, 18 e 19 de setembro se acheguen á Praza da Ferrería para asistir á agardada feira Pontebirra 2021. O evento, organizado pola Asociación Galega de Cervexeiros Artesáns grazas á colaboración da Concellería de Promoción Económica e Turismo, contará con firmas procedentes de toda Galicia e doutros puntos de España, como Madrid e Toledo.

A pesares das limitacións que a pandemia motivou na programación desta nova edición da feira da cervexa artesá de Pontevedra, este festival de carácter familiar, que ten como obxectivo principal fusionar a cervexa artesá coa comida de rúa e de xerar un espazo cultural diferente, tamén ofertará obradoiros, xogos populares de madeira para tódalas idades, música ambiente e food trucks. Unha variada e sedutora proposta que esta mañá foi presentada na Sala de Prensa do Teatro Principal pola concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco; o organizador de Pontebirra, Esteban Loureiro, e os cervexeiro Luis Tilve, responsable da firma Cervexas Meiga.

“Por fin! Dicíame Esteban que pensaba que nunca máis poderiamos facer esta feira -afirmou a edil do PSOE-, xa que levamos meses suspendéndoa e aprazándoa polas restricións e medidas sanitarias… Os distribuidores de cervexa precisan máis que nunca deste tipo de eventos, cos que se busca dar a coñecer un produto elaborado de xeito artesanal e afondar na cultura desta bebida cada vez máis instaurada en España”.

Yoya Blanco incidiu en que “tendo en conta os moitos adeptos que ten a cervexa, máis aínda cando se trata dunha elaborada de forma artesanal, a feira Pontebirra 2021 vaise organizar en base a un estrito protocolo de seguridade anti Covid que reúne tódalas medidas necesarias: control á entrada do recinto, xel desinfectante, zonas de entrada e saída separadas, distancia entre mesas e rigorosa e constante desinfección das mesmas, aforo limitado e rexistro de clientes”.

Entre os expositores de cervexa artesá que poderemos atopar ao longo de catro días na Ferrería, nun amplísimo horario (o xoves 16, de 18:00 a 00:00 horas, o venres 17 e o sábado 18, de 12:00 a 1:00 horas, e o domingo 19, de 12:00 a 23:00 horas) figuran Nós Cervexa Artesanal (Vigo), Trisk-Ale (Nigrán), Atlántica (Vigo), Menduíña (Cangas), Irmaos de Lei (Vigo), The One (Sanxenxo), Bubela (Lugo), Go (Madrid), San Nicasio (Leganés), Alé Alé (Uxes, A Coruña), Meiga (Pontevedra) e La Sagra (Toledo). Moi variado será tamén o menú gastronómico ofertado polos food trucks instalados durante os días de feira, coa participación de Monster (grellada), Chac Mool (Tex-Mex), Caleyes (comida asturiana), Crepería Sebastián (crepes), Pizzería Artesá (pizzas), Baden Baden (salchichas alemás) e Croquetas De (croquetas artesás).

Esteban Loureiro afirmou que “Pontevedra é unha das mellores prazas de toda Galicia (para os cervexeiros), non só pola propia cidade, senón tamén pola clientela, xa que hai moitísima cultura cervexeira, e cremos que esta feira vai funcionar moi ben, xa que acompaña a climatoloxía”. Cun aforo limitado a un máximo de 550 persoas na Praza da Ferrería, Loureiro agarda unha asistencia tan boa como a recentemente rexistrada en Lugo. “Sempre incluímos no programa un curso de elaboración de cervexa artesá e estou pendente de que me confirmen -avanzou- a posibilidade de organizar unha charla sobre o lúpulo para a xornada do sábado, xa que temos un compañeiro que participa e que ten un cultivo desta planta”.