A segunda edición de ‘Falamos’ procurará normalizar o galego no día a día do campus

32

Desde mañá, dúas casetas serán instaladas no campus para facilitar o proceso de inscrición e presentarlle ao estudantado o novo programa de normalización

Haberá catro actividades a desenvolver neste primeiro cuadrimestre: un clube de lectura, outro de cociña, voluntariado e unha nova actividade de teatro grupal

O Concello de Pontevedra presentou esta mañá de luns, 13 de setembro, unha nova edición, a segunda, do programa Falamos. Trátase dun traballo conxunto entre o Concello, o alumnado da Universidade de Vigo e a área de normalización lingüística desta entidade universitaria. 

A primeira edición chegou coa pandemia como pano de fondo. Unha situación complexa que non permitiu o normal desenvolvemento do programa como prestaría a todas as partes, funcionando máis que como primeira edición, como unha «edición cero» tal e como definiu Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización. Agora, logo de recompilar os resultados e as ideas do ano pasado, volve ser argallado un programa novo, unha edición que comeza xa e que se desenvolverá ao longo de todo o curso.

Porén, os obxectivos non mudan: «axudar a dar ao paso as persoas castelán falantes que chegan á Universidade e que queren comezar a usar o galego decotío, formar parte da súa comunidade de falantes; e tamén manter o uso da lingua naquelas persoas que xa veñen con ela da casa». Así, o Concello o que quere é «aportar o seu gran de area» á hora de reverter estes procesos de castelanización e de ocultación social da lingua.

«Chegar á universidade sempre é un momento de moitísimos cambios», explicou Oubiña. «Cambias de cidade, cambias os teus hábitos, as túas rutinas… Todo cambia, incluíndo as túas relacións. Por iso, cambiar de lingua neste intre pode ser máis fácil que noutro espazo e noutro momento, por iso queremos estar aí, axudar neste paso, botar unha man a que máis xente fale galego. O noso maior activo será o alumnado, aquel que xa ten a lingua no seu día a día e quere axudar a estas persoas a dar o paso».

O proceso de inscricións para participar en Falamos arrinca mañá, ás 10 da mañá, diante da facultade de Ciencias Sociais. Alí estará unha das dúas casetas habilitadas que estarán «rulando» por todo o campus durante o martes, mércores e xoves da vindeira semana. O martes e o mércores estarán pola mañá e pola tarde en Ciencias Sociais e en Belas Artes, en horario de 10 a 13 horas, e de 16 a 19 horas. O xoves manteranse os horarios, mais as casetas estarán situadas en Ciencias Sociais e en Fisioterapia.

Nestas casetas os inscritos recibirán un agasallo con material do programa —unha bolsa, unha pulseira, un lapis, un caderno e unha carpeta— co que «presumir de lingua todos os días do ano».

Doutra banda, o día 22 as persoas interesadas en participar nas actividades deste ano, terán unha xuntanza na Casa das Campás, onde coñecerán estas propostas e comprobaren os horarios que mellor lles conveñan, buscando unha adaptación mutua e natural.

Que actividades serán incluídas dentro de Falamos? Fernando Ramallo, director da área de Normalización da Universidade de Vigo, desvelou algunhas das accións a acometer nos vindeiros meses, lembrando o importante deste tipo de colaboracións á hora de «promover, promocionar e protexer a lingua galega», pois son centras e indiscutíbeis.

«Agardamos que este sexa o ano de Falamos», comentou Ramallo, perante a programación de catro actividades centrais. As máis exitosas serán repetidas no segundo cuadrimestre, e, no caso de detectar pouco interese ou fallos nalgunha, poderán ser modificadas na procura dun mellor funcionamento e atracción.

Todas as actividades serán presenciais e son:

  • O clube de lectura, coordinado por Aurora Redonda. Serán lidos textos de autores e autoras actuais que, ademais, participarán neste clube nalgún intre.
  • O voluntariado, abertos até grupos de cinco persoas, segundo a inscrición.
  • O clube de cociña, con Tonio Cociña, cociñeiro pontevedrés que ten activas canles de cociña nas redes sociais.
  • Actividade de Teatro, a cargo de Vicky Estevez. Realizarase unha reunión semanal  dun par de horas que cristalizará nunha representación a finais de ano.

Jorge Campos, vicerreitor do Campus de Pontevedra, quixo agradecer ao Concello de Pontevedre polo interese amosado na lingua e no espazo universitario, valorando moi positivamente a colaboración. «A nosa lingua é falada por todos os compoñentes da nosa Universidade, polo que o campus é un espazo fundamental para socializar, e facelo en galego. É unha forma de crear sociedade e de crear vínculos».