A tiktoker María Rúa lembra que o mar tamén é cousa de mulleres

12

Trátase dunha peza audiovisual publicada en Tik Tok baixo o paraugas do programa A Memoria das Mulleres

É o séptimo vídeo deste tipo que a Concellería de Memoria Histórica promove, restando aínda un para completar esta actuación dixital

«O traballo no mar non é para as mulleres», reza o primeiro enunciado que a tiktoker María Rúa (pradorua) deixa escrito no seu último vídeo. Faino, mais non para afirmalo, nin moito menos para recoñecelo; faino para destruílo cunha simple pregunta: «Que non e que?».

Con banda sonora a golpe de rap, o resto do vídeo serve de espello da realidade histórica que foi acontecendo, con exemplos de diversas mulleres que atoparon no mar o seu sustento e o seu modelo de vida, como Josefa García Barcia, vendedora de peixe, ou todas as redeiras, atadeiras e chaboleiras que aínda hoxe continúan exercendo o seu labor nas rías e portos galegos. 

A peza audiovisual queda enmarcada na filosofía base da ‘Memoria das mulleres’ que non é outra que a difusión da loita antifascista e da traxectoria das mulleres galegas entre o público máis novo, utilizando as plataformas e recursos propios da mocidade pontevedresa actual. O proxecto da Concellería de Memoria Histórica xa difundiu un total de sete vídeos deste tipo, onde as tiktokers galegas Laura Franco, Leti da Taberna e María Rúa poñen voz e imaxe a situacións de índole histórica ou social como Ence, o drama da draga, ou a defensa da lingua e a loita contra os tópicos máis comúns.

A peza estreada hoxe é a penúltima das programadas, polo que aínda queda un derradeiro vídeo por ver a luz e seguir levando a memoria das mulleres até novos recunchos dixitais.