A Concellería de Educación pon en marcha os talleres do proxecto Laboratorio da Infancia para o curso escolar 2021/2022

25

A empresa adxudicataria Marexada porase nos vindeiros días en contacto cos centros escolares de Pontevedra para ofertarlles as actividades deseñadas no marco do proxecto Laboratorio da Infancia, impulsado pola Concellería de Educación, e concretar o calendario para o seu desenvolvemento neste curso académico 2021/2022. Os obradoiros están centrados nas materias de educación e concienciación medioambiental, prácticas deportivas, sustentabilidade, economía circular e vida saudable, ofertándose unhas cinco actividades/saídas por colexio.

Así, para 1º a 6º de Primaria propóñense a cobertura dun tramo do Camiño Portugués a Santiago ao seu paso por Pontevedra; a visita ao Parque Etnográfico das Cabanas Prehistóricas de Outeiro das Mouras (Salcedo); escalada no Pavillón da Xunqueira; o Roteiro dos Segredos de Ponte Sampaio; unha ruta polos Muíños do Batán, e observación de aves nas marismas de Alba. Asemade, para o treito de 1º, 2º e 3º de Primaria deseñouse un específico de Viaxe no tempo pola ruta de Gatomorto (en Santa María de Xeve), e para o de 4º, 5º e 6º de Primaria un de kayak no Pontillón do Castro, un de xeocaching na Fracha e unha ruta guiada de interpretación ambiental pola senda do río Lérez.


Tal e como lembra o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, “o proxecto Laboratorio da Infancia enmárcase dentro das accións a desenvolver na Estratexia de Desarrollo Urbano Sostible e Integrado de Pontevedra ‘Máis Modelo Pontevedra (Edusi), no que se contempla unha liña de accións dirixida aos centros educativos”. Entre os seus obxectivos inclúense:


a) A educación e concienciación ambiental, sustentabilidade e economía circular: talleres con contido pedagóxico que expliquen os valores do mundo rural e natural, mediante a visita guiada aos parques forestais situados ao redor de Pontevedra, especialmente o que se está conformando a través da Edusi con cofinanciamento Feder na Fracha, pero tamén ao resto de espazos naturais e parques forestais da cidade.


b) A educación e concienciación deportiva: quérense potenciar os recursos deportivos e tamén do medio natural, con talleres vinculados á práctica deportiva e á vida saudable (entre outros, talleres de remo/ piragüismo no Lérez ou de escalada no Pavillón da Xunqueira, remodelado dentro do mesmo marco).