Concello, Xunta e concesionarias ultiman os detalles do renovado transporte urbano

13

O concelleiro Demetrio Gómez mantivo unha reunión esta mañá na que se supervisaron todas as paradas e acordouse crear unha nova no exterior da estación de autobuses.

A campaña informativa comezará con maior intensidade a vindeira semana nas marquesiñas, monolitos urbanos, repartos nas caixas de correo…

O concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez participou esta mañá nunha reunión de coordinación coa Dirección xeral de Transporte da Xunta de Galicia e as empresas concesionarias das liñas urbanas: Rías Baixas e Monbús, para ultimar os detalles do servizo que se porá en marcha o vindeiro 1 de outubro.

No encontro revisáronse as paradas por si houbera que facer algún cambio ou mellora. Pediuse incrementar a información na parada de Montecelo ou crear unha exterior na estación de autobuses que estará situada na que fora entrada de autobuses até uns días.

Tamén revisaron a campaña informativa e publicitaria que se porá en marcha con maior intensidade a partir da vindeira semana coa instalación de toda a información nas marquesiñas, a colocación de sinalización específica en todas as paradas das rutas, unha intervención específica na praza de Galicia, ou a edición de trípticos que serán distribuídos na estación de autobuses, nos propios autobuses ou nas caixas de correo de todos os edificios do barrio de Monte Porreiro, un dos barrios máis beneficiados das novas rutas de transporte urbano dado que se incrementan considerablemente as frecuencias e disporán unha liña cara Montecelo.