O Avoa Fest segue na procura de avoas e netos para o Desafío Filloa deste sábado 18 de setembro, que conducirá o actor e humorista Isi

18

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco, animou hoxe á cidadanía a enviar ás redes sociais de Pontevedra Capital Gastro vídeos de avoas presentando as súas candidaturas para cociñar cun neto ou neta no Desafío Filloa do Avoa Fest. A edil socialista confirmou que o evento, que terá lugar este sábado 18 de setembro na Alameda a partir das 18:00 horas, será conducido polo actor e humorista Isi, que hai uns días publicou nas súas redes un chamamento á participación (https://www.facebook.com/CapitalGastro/videos/826642614666673).


Os vídeos remitidos serán votados para seleccionar ás parellas avoa-neto que tomarán parte no desafío, para o que se instalarán no parque pontevedrés catro cociñas nas que deberán tentar cociñar a mellor filloa. Cada equipo terá unha cor e repartiranse banderíns cos mesmos para que a xente poida achegar o seu grao de area apoiando a unha parella. O xurado estará composto polos cociñeiros e cociñeiras da Banda Cociñas de Pontevedra, que puntuará e elixirá ao equipo gañador, que recibirá a Culler de Madeira gravada.

O programa de actividades do Avoa Fest será inaugurado o venres 17 de setembro ás 12:00 horas coa presentación do Bosque da Memoria, nun acto no que participarán o tenente de alcalde, Tino Fernández, e a concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, que estará amenizado pola Fada da Memoria e no que tamén se visionará unha peza audiovisual realizada para promocionar a cita culinaria. O Bosque, que permanecerá instalado até o 26 de setembro na Praza da Peregrina, converterase nun espazo no que a poboación poderá ir deixando (penduradas nas árbores) homenaxes persoais, como fotografías, debuxos ou mensaxes, ás súas avoas, presentes e ausentes. Na mesma carpa colocarase tamén un buzón para que a cidadanía poida depositar as receitas tradicionais herdadas das súas familias, promovendo e poñendo en valor deste xeito a historia gastronómica da nosa cidade.

Outro dos pratos fortes do programa será o Roteiro de Postres da Avoa, no que os hostaleiros da cidade participarán propoñendo dentro da súa carta un postre herdado das súas avoas. A Concellería de Promoción Económica difundirá un folleto no que se dará a coñecer a proposta de establecementos.
O Avoa Fest, que tamén contempla a elaboración e edición dun Receitario Ancestral de Pontevedra coas receitas achegadas pola cidadanía (co obxectivo de ilo aumentando ano a ano), clausurarase o domingo 26 de setembro cun taller de postres tradicionais no que se implicará ás avoas da residencia Saraiva.