O Concello manterá en depósito bens mobles da igrexa de Santa Clara valorados en medio millón de euros

102

O retablo maior, dous laterais e o dos Desamparados, o púlpito, o cadeirado do coro e o órgano foron taxados para iniciar formalmente a compra do mosteiro.

Do estudo realizado polo historiador Juan Manuel Monterroso, extráese que a estrutura arquitectónica da cabeceira da igrexa de Santa Clara é a mellor conservada de toda Galiza. 

A Concellaría de Patrimonio Histórico e Urbanismo, que xestiona Xaquín Moreda deu a coñecer hoxe a taxación dos bens mobles do Convento de Santa Clara que quedarán en depósito na igrexa -nos vindeiros 4 anos a contar dende a sinatura da compra do mosteiro-, baixo a tutela do Concello. Este paso era indispensable para incluílo dentro do expediente de compra que o Concello xa iniciou hai uns días e que está pendente de informes internos, antes de pasalo á outra parte.

Os bens que se taxaron a cargo do historiador Juan Manuel Monterroso, profesor da Universidade de Compostela, foron os retablos: maior, dous colaterais e o dos Desamparados situados na igrexa; e o cadeirado do coro e o órgano situados na clausura da igrexa.

Segundo desvelou o concelleiro Xaquín Moreda, a taxación foi complicada por tratarse dun ben histórico artístico e baseouse en distintas premisas: a visualización dos bens, consideracións históricas e iconográficas, a materialidade da peza, a contextualización dos bens e as tendencias no mercado de obxectos similares.

O estudo revela datos xerais do Convento como que ten a súa orixe en 1271. A igrexa ten unha nave rectangular pechada con 5 ventás oxivais. A estrutura arquitectónica da súa cabeceira “é a mellor conservada de Galicia”, segundo o experto, e o inicio da súa construción sería en 1362 e remata en 1510. Logo complétase con murais no século XVIII, momento en que cenobio pasa a mans do prelado de Santiago que promove unha reforma.

A taxación

Segundo a taxación, o retablo maior que ten unha altura de 10,22 metros x 5,60 de ancho, adaptado á estrutura arquitectónica da capela do altar maior, foi construído entre 1730 e 1734 segundo aparece en referencias de distintos autores. A autoría  material podería ser atribuíble a Antonio e Gaspar Dacante.

Na actualidade non dispón de iconografía porque foi retirada pola Orde das Clarisas cando abandonaron o convento.

A súa taxación estaría entre 127.00-146.000 euros.

Os retablos laterais teñen unhas medidas de 5,92 x 2,96 e están situados nas esquinas da nave. Tampouco dispoñen de pezas iconográficas e tampouco se dispón de documentación que permita datalos, pero pola súa conformación poden ser o último cuarto do século XVIII.

A súa taxación estaría entre os 99.000-114.000 euros (os dous).

Un terceiro retablo, o dos Desamparados tivo como finalidade servir de marco dun óleo que tampouco se atopa na igrexa. Estaría datado entre 1737 e 1745 e a súa taxación entre os 74.000 – 85.100 euros.

O púlpito, tamén situado na igrexa, é unha estrutura de ferro ancorada á parede cunha taxación entre 22.000 – 25.200 euros.

Xa na zona de clausura está o cadeirado do coro conformado por 25 cadeiras: 1 da superiora, 4 de respaldo alto e 20 de respaldo baixo. A documentación revela que pode datar de 1795. A taxación estaría entre 14.000-16.000 euros.

Ao respecto do órgano queda constatado que é o único órgano histórico da cidade de Pontevedra e todo apunta a que a súa autoría pode atribuírse a un organeiro local cara 1795. Foi reformado en 1887-1890 e tamén en 1990 por José Barja.

O órgano é a peza que tería unha maior taxación cun arco entre 135.000 – 155.000 euros.

Polo tanto, o custe total dos bens mobles da igrexa estarían nun arco entre 471.000 euros e os 541.000 euros.

O concelleiro confirmou que esta taxación era o paso previo á compra do convento por parte do Concello. Esta comezou hai uns días co inicio do expediente administrativo que está pendente de informes de distintos departamentos municipais. Despois se lle trasladará á outra parte para ratificar a adquisición. De todos os xeitos, Xaquín Moreda adiantou que os ritmos actuais permitirán asinar a compra no mes de outubro.

Pulpito Santa Clara
Pulpito Santa Clara
Organo Santa Clara
Organo Santa Clara