Os máis pequenos poderán elaborar un biscoito de amoras e bombóns recheos de froitas nos talleres de O Ganapán

11

Os talleres de lecer infantil de O Ganapán, impulsados no Mercado de Abastos pola Concellería de Promoción Económica e Turismo, regresan esta fin de semana cunha proposta gastronómica na que as froitas serán as protagonistas e uns obradoiros de confección de xogos creativos. Así, para o sábado 18 de setembro está prevista unha actividade na que os máis pequenos poderán elaborar unha nova receita de biscoito de amoras e realizar un tangram, un entretido xogo que vén de Oriente, mentres que para o domingo 19 de setembro prepararán ‘frutiboms’, bombóns recheos de froita cos que se lles fará a boca auga, e crearán insectos para decorar as súas habitacións con xeoplanos, chinchetas e gomas.


A concelleira de Promoción Económica, Yoya Blanco, lembra que os talleres están destinados a nenos e nenas de 4 a 10 anos, que deberán inscribirse previamente no email oganapan@gmail.com antes das 16:00 horas do día anterior á celebración das actividades. Os obradoiros desenvolveranse en dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas, sendo moi recomendable que os rapaces leven unha friameira para poder degustar na casa coa familia as receitas cociñadas.