Monte Porreiro contará con oito bolardos móbiles de deseño exclusivo

21

Deseñados por Rogelio Carballo, son un novo tipo de mobiliario urbano que mestura funcionalidade com estética e que nun inicio albergarán unha exposición da memoria histórica do barrio

A tecnoloxía coa que están construídos é pioneira no país, e foi utilizada con anterioridade no Parque do Retiro de Madrid, mais será o primeiro concello galego en contar con ela

O Concello de Pontevedra presentou esta mañá unha nova peza urbana, deseñada por Rogelio Carballo, que vai unida á reforma urbana a realizar no barrio Monte Porreiro. Trátase dunha peza «singular e única», tal e como define o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez, creada de xeito específico para a nova praza que será construída en Monte Porreiro.

A súa función será a de reorganizar e recolocar o tráfico por dentro deste novo espazo na zona na rúa Alemaña. A colocación estratéxica de oito pezas desta clase, permitirá xestionar o tráfico segundo sexa necesario, pois son movibles, adaptándose as necesidades que vaian aparecendo, reordenando dun xeito ou doutro. «Un exemplo perfecto sería o desfile de Reis, que pasa por esta zona, e o día que veñan as súas maxestades de Oriente estas pezas poderán ser movidas para dispoñer a circulación do mellor xeito posíbel».

Son bolardos ideados, tanto en deseño como en tecnoloxía, en Pontevedra. «Son pezas polifuncionais. Serven para ordenar o espazo público pero ademais levan iluminación interna, o que aportará puntos de luz dentro da praza. Tamén poden incluír información dentro das mesmas, ou mesmo de soporte para unha exposición permanente do que queiramos», explicou o concelleiro.

Aínda que está por definir o contido que levará cada bolardo, a idea inicial e amosar unha exposición que recolla a memoria do barrio, con fotos e imaxes que mostren a historia de Monte Porreiro.

Cunhas dimensións de 60x60x60, a idea é que formen parte natural da rúa. «Aínda que non sexa a súa función principal, os nenos poderán subir enriba delas ou xogar arredor. Cremos, ademais, que son elegantes, bonitas, son unhas pezas que darán unha maior calidade urbana e maior prestanza ao espazo público», sinalou Gómez.

Rogelio Carballo, autor e deseñador da peza, tamén estivo presente na súa presentación pública. O arquitecto explicou que o obxectivo era lograr que unha peza disuasoria cumprise co seu traballo ao mesmo tempo que suma calidade ambiental e urbana. «É interesante devolverlle a Monte Porreiro unha mostra da súa memoria, que a xente recuperase esas imaxes a través dunhas pezas deste tipo. Son pezas modulares, pódense mover máis aló de moldear o tráfico, tamén para moldear o propio espazo urbano. Teñen materiais duradeiros, que soportarán o trato diario. Esta peza ten un mantemento mínimo pero a funcionalidade máxima», comentou Carballo.

Por último, Iago Barbeito, representante de Cristalería Pontevedresa, montadores das pezas, sinalou o «orgullo que resultaba de formar parte deste proxecto», tendo en conta que o primeiro obradoiro no que comezou a empresa non estaba moi lonxe do barrio, en Mourente. «Estas pezas levan unha tecnoloxía que levamos anos aplicando en industrias como a do automóbil, mesmo na naval, e parte dun principio que é a impresión dixital sobre vidro con tinta cerámica, totalmente indeleble a radiación ultravioleta. Podes pasar a chave dun coche por riba e non quitarías a pintura», comentou Barbeito sobre a durabilidade dos bolardos. «Ten infinidades de aplicacións e no espazo público foi testada nun espazo público moi icónico, como é todo o Parque do Retiro, en Madrid, onde toda a súa sinalética está feita con esta tecnoloxía. Para nós é un orgullo que o concello de Pontevedra sexa o primeiro dos galegos en confiar nela, e implantala no espazo público».