O pleno incorpora o luns un intérprete de lingua de signos e un crono para limitar as intervencións nas mocións

10

O servizo de lingua de signos permitirá ás persoas con diversidade sensorial seguir os debates plenarios.

O cronómetro fixará intervencións de 7 minutos para a exposición da moción, 4 e 3 para ponente e grupos, respectivamente, para as réplicas, e 2 minutos para cada un para o peche.

O Concello de Pontevedra incorporará o vindeiro luns, 20 de setembro, novidades ás sesións plenarias da Corporación que se celebran no Teatro Principal. Farán que sexan máis inclusivos coa incorporación dun intérprete de lingua de signos para traducir os asuntos e debates municipais, e tamén un cronómetro que axustará os tempos de intervención das mocións dos concelleiros e concelleiras co propósito de reducir os debates plenarios.

Ambas iniciativas están promovidas coordinadamente polas concellarías de Benestar Social e de Réxime Interior.

Ao respecto do intérprete en lingua de signos, o concelleiro de Benestar Social, Marcos Rey, amosouse “francamente satisfeito coa implantación deste servizo para que as persoas con diversidade sensorial poidan exercer o seu dereito a seguir os debates plenarios”. 

Na súa opinión, “a presenza de persoal ILSE permite acadar un novo chanzo nese camiño de igualdade, integración e inclusividade que queremos lograr a través do programa Comunico, normalizando cuestións como a axuda de intérpretes para eventos, realización de trámites burocráticos ou outros asuntos da vida cotiá, as máscaras transparentes (que varios concelleiros levarán posta na sesión plenaria) e a instalación de bucles magnéticos portátiles, tal e como se fixo recentemente no Rexistro do Concello e no edificio do Chalé de Fontoira”.

Crono nos plenos

Ao respecto da limitación do tempo na intervención das mocións para os concelleiros e concelleiras, aplicarase inicialmente o acordo fixado na Xunta de Portavoces de xullo de 20219 que seguirá o seguinte esquema:

  • 7 minutos para a defensa da moción.
  • 4 minutos por grupo para a réplica
  • 3 minutos para o/a relator na réplica aos grupos
  • 2 minutos para os grupos no peche
  • 2 minutos para o/a relator no peche.

O sistema consistirá na instalación dunha pantalla que estará próxima á presidencia do pleno na que figurará unha conta atrás que estará controlada polo alcalde a través dunha tableta coa que tamén atende as quendas de palabra.

A concelleira de Réxime Interior, Anabel Gulías, promotora da instalación do cronómetro nos plenos xa levou á Comisión de Réxime Interior celebrada esta semana a proposta de reducir estes tempos acordados en 2019 tanto na defensa como na réplica das mocións, para tratar de acurtar os debates. Os grupos saíron da reunión coa proposta, que volverá a tratarse na vindeira Comisión de Réxime Interior.