Volve a Educación viaria aos centros de ensino do concello

7

A Concellaría de Seguridade Cidadá retoma este programa da man da Policía Local, unha vez que a pandemia comeza a estar máis controlada.

As primeiras charlas serán nos CEIP Froebel e Marcos da Portela, o luns e o martes, 20 e 21 de setembro.

A Concellaría de Seguridade Cidadá que dirixe Eva Vilaverde retoma o programa de Educación viaria nos centros de ensino da cidade para profundar no coñecemento do correcto uso dos espazos públicos e do papel dos peóns e peoas e dos condutores e condutores nas vías públicas da cidade. A Concellaría iniciará a actividade paseniñamente, mantendo sempre as cautelas en función da evolución da pandemia. 

Como viña sendo habitual, este programa estará impartido pola Policía Local, nesta ocasión a cargo do oficial José Luís Domínguez Maya, e pensado para os centros de Primaria e Secundaria. Os contidos estarán adaptados para os máis cativos e cativas polo que se falará do que poden e non facer nas vías públicas: as prioridades, as normas básicas para peóns, as normas básicas para condutores de bicicletas (no caso de Educación Secundaria tamén se fala de motocicletas), como deben comportarse como usuarios dos coches acompañando aos seus pais…

Tamén se advirte da diferencia de Pontevedra ao respecto doutras cidades, xa que o modelo de Pontevedra permite aos cativos e cativas unha liberdade de movementos no espazo público que non é habitual noutras localidades.

E como novidade, o programa incorporará contidos adaptados da nova Ordenanza de mobilidade amábel relativos a uso da bicicleta, tipos de vías… na que os cativos están máis implicados.

O inicio do programa de Educación viaria está previsto para a vindeira semana coincidindo coa Semana Europea da Mobilidade que comezou este xoves, 16 de setembro e rematará o vindeiro mércores, día 22.

Cinco charlas no Froebel e Marcos da Portela

En principio as actividades previstas son cinco charlas en dous centros de ensino da cidade. Este luns, 20 de setembro comezan ás 09.00 horas no Froebel onde se impartirán dúas charlas até as 11.00 horas. A Policía Local trasladarase ás 12.40 horas ao Marcos da Portela onde impartirá outras dúas charlas até as 14.00 horas.

O martes, 21 de setembro, volverán ao Marcos da Portela a impartir unha última charla dende as 09.00 ás 09.50 horas.

O ritmo desta “Escola viaria” imporao a pandemia, pero a Concellaría de Seguridade Cidadá quere ofrecer este programa a todos os centros de ensino de Primaria e Secundaria da cidade que o soliciten para ir formando aos estudantes no uso correcto dos espazos públicos da cidade. De feito, nas vindeiras semanas se presentará un programa máis ampliado en función da crise sanitaria.