Rematada a reparación da drenaxe do espazo arqueolóxico de Valentín García Escudero

83

Os traballos de emerxencia realizados para reparar a drenaxe do espazo arqueolóxico de Valentín García Escudero están rematados. Esta intervención foi aprobada o pasado 6 de setembro por parte da Xunta de Goberno para evacuar as augas estancadas que había na escavación debido a que deixara de funcionar o sistema de drenaxe e era preciso substituílo.

O problema foi detectado pola empresa responsable do Ciclo da Auga, Viaqua, que comprobou como a escavación estaba parcialmente anegada tanto pola auga da chuvia como pola filtración da capa freática, debido a un problema no sistema de drenaxe do espazo arqueolóxico.

A Concellaría de Patrimonio Histórico que dirixe Xaquín Moreda acordou tramitar un expediente de emerxencia para evacuar esas augas ante a posibilidade de que puideran causar danos ás estruturas conservadas, ademais de para evitar problemas de salubridade das augas estancadas.

A intervención realizouna a empresa Viaqua por un importe de 10.881,51 euros, e aínda que tiña un prazo de execución de un mes, os traballos xa remataron esta semana.