A Concellería de Educación retoma as intervencións artísticas do proxecto ‘O teu cole na historia’ cun mural no CEIP Daría González

51

A Concellería de Educación vén de retomar as intervencións artísticas do proxecto ‘O teu cole na historia, coñecendo a túa contorna’ cunha nova pintura moral no CEIP Daría González. Nesta ocasión, o equipo creativo de Polo Correo Vento (Kike Mauricio e Carlos Taboada) realizou unha obra na que resaltou a figura da propia mestra e política galeguista que dá nome ao colexio, así como a fermosa vista da ría de Pontevedra e da Illa de Tambo que ten o centro educativo, o Hospital de Montecelo, o Carballo de Santa Margarida con Frei Martín Sarmiento, a agrupación de música tradicional Os Alegres e un moucho desde o Mirador de O Picoto.


Na primeira quenda de intervencións, o programa, impulsado pola Concellería de Educación co obxectivo de que os alumnos dos colexios de Pontevedra coñezan a historia dos seus centros e acaden unha maior identificación con eles, realizou murais nos CEIP A Xunqueira I, A Xunqueira II, Álvarez Limeses, Froebel, Parada-Campañó, Cabanas (Salcedo), Ponte Sampaio, San Martiño (Salcedo), San Benito de Lérez, Manuel Vidal Portela, Santo André de Xeve; os CEP Campolongo e Marcos da Portela, e as EEI Fina Casalderrey e Verducido. Tal e como avanzou o tenente de alcalde e concelleiro de Educación, Tino Fernández, “ademais do realizado no CEIP Daría González, nesta segunda quenda pintaranse murais nos CEIP A Carballeira, Marcón, Praza de Barcelos e Vilaverde (Mourente) e a EEI Concepción Crespo Rivas.