A Concellería de Igualdade abre a convocatoria do II Premio Literario Pinto e Maragota

92

O Boletín Oficial da Provincia (BOP) publicou hoxe un extracto das bases da convocatoria do II Premio Literario Pinto e Maragota, impulsado pola Concellería de Igualdade en colaboración con Edicións Xerais de Galicia co obxectivo de visibilizar e dignificar a diversidade sexual e de xénero no concello de Pontevedra. Deste xeito, tódalas persoas interesadas en participar neste certame disporán desde mañá dun prazo de 45 días naturais (até o 6 de novembro) para presentar os seus traballos.


Tal e como apuntou a concelleira de Igualdade, Yoya Blanco, “poderá concorrer calquera autora ou autor, de calquera nacionalidade, maior de idade, que presente unha obra escrita en lingua galega conforme á normativa oficial establecida pola Real Academia Galega (RAG)”. “Concederase un único premio de 3.000 euros. O xénero literario das obras presentadas poderá ser novela, teatro ou poesía para o público infantil, xuvenil e adulto. Cada participante poderá presentar cantas obras quixer en envíos separados. As obras presentadas deben ser orixinais e inéditas, entendendo por obra inédita a que non foicomunicada nin na súa totalidade nin en parte por ningún tipo de procedemento”, indicou a edil socialista.


O contido mínimo de caracteres será o seguinte: 


a) Novela ou obra dramática para público adulto: o texto deberá ter unha extensión total mínimade 90.000 caracteres con espazos.

b) Poesía para público adulto: o texto conterá un mínimo de 500 versos de forma libre.


As persoas participantes enviarán os traballos en formato pdf por correo electrónico, co asunto ‘Para o II Premio Literario PINTO E MARAGOTA”, ao enderezo igualdade@pontevedra.eu, debendo incluír no email dous arquivos: un co orixinal, que deberá ser presentado baixo un lema e sen ningún tipo de dato que identifique ao seu autor/a; e outro co nome completo, idade, enderezo, teléfono, título da obra e número de conta. A persoa gañadora do concurso deberá achegar copia do DNI e certificación de número da conta bancaria na que estea autorizada.


O xurado reunirase para discernir o premio antes do 30 de novembro do 2021 e a súas decisións serán inapelables. Dito xurado estará composto por dúas persoas designadas pola concelleira de Igualdade e unha proposta por Edicións Xerais de Galicia. Con voz, pero sen voto, un funcionario/a municipal designado pola Concellería de Igualdade fará a función de secretario.


O premio outorgarase seguindo os criterios obxectivos establecidos polo órgano xestor nas bases reguladoras dos premios, tendo en conta en xeral o nivel de calidade literaria da obra e o tratamento da temática de diversidade de sexo e xénero dentro da mesma en consoancia cos obxectivos do IV Plan de Igualdade de Xénero do Concello de Pontevedra.


A obra premiada será publicada por Edicións Xerais de Galicia, S. A. Esta editorial asinará coa autora ou autor un contrato de edición nas condicións habituais, sempre de acordo coa lexislación vixente sobre a propiedade intelectual. 


Se no período de tempo transcorrido entre a presentación dunha obra e o ditame do xurado esa obra obtivese outro premio, o autor ou autora deberá comunicalo inmediatamente ao Concello de Pontevedra, retirándoa do Premio Pinto e Maragota. En calquera caso, enténdese que a obtención dun premio anterior implica a renuncia automática ó premio Pinto e Maragota que lle puidese ser atribuído a esa obra por descoñecemento desta circunstancia, sen prexuízo doutras responsabilidades nas que a autora ou autor puidese incorrer pola omisión do deber formulado nesta base. Os orixinais non premiados non se devolverán e serán destruídos.


Calquera dúbida sobre o contido desta convocatoria será atendida polo Centro de Información á Muller (CIM) (tlf: 986 864 825; e-mail: igualdade@pontevedra.eu).

A primeira convocatoria do Premio Literario Pinto e Maragota tivo como gañadora á escritora María Reimóndez, coa súa obra Cobiza.