Os máis pequenos poderán elaborar xabóns artesanais, pan de leite, cuncas salgadas e un xogo de tres en raia nos vindeiros talleres de O Ganapán

33

Se algo aprendemos nestes anos de pandemia é a importancia da hixiene e, con tal motivo, as actividades de lecer infantil previstas por O Ganapán para esta fin de semana inclúen no seu Espazo Crea un taller de elaboración de xabóns de maneira artesanal e sinxela. Asemade, o programa impulsado pola Concellería de Promoción Económica e Turismo no primeiro andar do Mercado de Abastos tamén contempla a celebración de dous obradoiros especialmente pensados para os pequenos ‘masterchef’ da casa no Espazo Gastro: o sábado 25 de setembro haberá un de elaboración de pan de leite brando e doce, para preparar bocatas co recheo favorito de cada nen@, e o domingo 26 de setembro un de confección dun aperitivo de festa perfecto como as cuncas salgadas.


Unha atractiva proposta que, como explica a concelleira de Promoción Económica, a socialista Yoya Blanco, “se completará o domingo cun taller de creación dun xogo clásico e entretido, o ‘tres en raia’, perfecto para pasar o tempo coas amizades”.


As actividades, destinadas a rapaces de entre 4 e 10 anos, realizaranse en dúas sesións, ás 11:00 e ás 12:30 horas, sendo necesaria reserva de praza a través do correo electrónico oganapan@gmail.com (as inscricións pecharanse ás 16:00 horas do día anterior á súa celebración).