O Concello aprobará na Xunta de Goberno deste luns o procedemento de compra de Santa Clara

36

A orde das Clarisas terá dez días hábiles logo desta aprobación para entregar a documentación pertinente, último paso antes da sinatura final

O convento de Santa Clara será moi pronto propiedade pública. A compra dos máis de 12 mil metros cadrados de superficie que ten este gran elemento do patrimonio histórico pontevedrés entra na súa recta final, un feito que, por dimensións, sería comparable a incorporación da Alameda á trama urbana da cidade a mediados do 1800 seguindo as palabras de Xaquín Moreda, concelleiro de Patrimonio Histórico e Urbanismo. 

«A operación está sendo realizada segundo o programado, nun prazo curto, froito da experiencia e solvencia do equipo municipal, ademais da boa vontade da orde das Clarisas para que o lugar pase a mans públicas», sinalou Moreda. «A documentación administrativa xa está lista e o vindeiro luns irá á Xunta de Goberno».

Logo da súa aprobación, os documentos serán enviados á orde relixiosa —ou o seu representante— xunto coa oferta de compra. Após este envío, terán dez días hábiles para presentar a documentación requirida que logo deberá ser estudada polos servizos do Concello.

Moreda indicou que é probable que todo este proceso administrativo remate antes de que finalice o mes de outubro, polo que o convento de Santa Clara pasaría á cidadanía de Pontevedra antes de acabar o ano 2021.