O remate da nova sede do GDR completa a centralidade parroquial dos Campos

117

O edificio acollerá as oficinas do Grupo de Desenvolvento Rural Pontevedra-Morrazo que se trasladará dende Santa Clara a vindeira semana.

A rehabilitación foi presentada polos autores do proxecto uña+amandi aos premios Gran de Area 2021 do COAG.

O proxecto tivo un custe de 452.000 euros dos cales o 40,5% foi financiado polos propios fondos europeos Leader.

O núcleo de centralidade dos Campos está practicamente rematado, tal e como constatou esta mañá o alcalde Miguel Anxo Fernández Lores na súa visita ao segundo dos edificios públicos da zona: a nova sede do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) que xestiona os fondos europeos Leader Pontevedra-Morrazo. En compañía do concelleiro de Mourente, Alberto Oubiña, de técnicos municipais, do director do GDR, e da empresa adxudicataria da obra (Acevi), o alcalde e presidente do GDR comprobou o remate da rehabilitación da edificación que poderá estar ocupada ao longo do mes de outubro.

O edificio do GDR, que tamén terá un uso social na súa planta baixa, integra o novo núcleo de centralidade dos Campos formado, tamén, polo novo local social (situado ao carón deste) e complétase co acceso viario dende Tafisa e a urbanización de toda a parcela, os últimos traballos que se acometen e que están a piques de rematar.

A rehabilitación do segundo edificio dos Campos tivo un custe de 452.497,21 euros, dos cales o 40,5% foi subvencionado polos propios fondos Leader a través do GDR, cunha contía de 183.261,37 euros.

O inmoble acolle na parte baixa (233,45 metros cadrados), un vestíbulo e sala de usos múltiples e expositivas, aseos, cuartos de limpeza, almacéns… E terá un uso máis social. Na segunda planta, cunha superficie de 239,65 metros cadrados, instaláronse os despachos do GDR, unha sala de reunións, almacén  e outras dependencias de servizos.

O proxecto foi presentado aos premios Gran de Area do COAG polos seus autores uña+amandi.

Na actualidade o GDR atópase no edificio municipal de Santa Clara, e está previsto o seu traslado á nova sede na semana que vén, para volver a funcionar con normalidade no mes de outubro.

O alcalde e presidente do GDR Pontevedra-Morrazo, Miguel Anxo Fernández Lores explicou que nestas instalacións poderase facer o traballo diario pero tamén as reunións da Xunta diretiva (da que forman parte algúns dos alcaldes dos 12 concellos que integran o GDR), actividades vinculadas cos fondos europeos e con medio rural. De feito, Fernández Lores explicou que “por parte de Agader se nos pedía que estivésemos no ámbito rural”.

O presidente do GDR considera que a nova sede está nun “espazo fácil de chegar e localizable por parte dos promotores”. Tamén detacou que “somos un dos poucos grupos rurales que rematamos os proxectos e non temos devolucións de investimentos”.

O edificio do GDR atópase na centralidade dos Campos onde recentemente o Concello rematou o novo local social cuxa rehabilitación tivo un custe de 471.000 euros, e estase a completar coa urbanización de toda a contorna, un investimento que vai por fora dos anteriores proxectos. Finalmente, ao lugar accédese pola nova vía que conecta Tafisa cos Campos que tivo un custe de 1.441.000 euros.

En total “máis de 2 millóns de euros que dá posibilidade de xerar actividade social no novo local e económica por parte do GDR” en palabra dos alcalde Fernández Lores.

Miguel Anxo Fernández Lores, alcalde de Pontevedra.