A reparación da canalización do regato de Valdecorvos obriga a restrinxir o tráfico en Xosé Malvar

96

A obra comezará o vindeiro martes e estenderanse durante 6 semanas, nas que se abrirán gabias de 10 metros e os tráficos non pesados serán canalizados na contorna da obra.

Os vehículos pesados desviaranse pola Seca e o autobús subirá por Xosé Malvar e baixará por Casimiro Gómez.

A Concellaría de Obras que xestiona Demetrio Gómez iniciará o vindeiro martes, 28 de setembro, a reparación da rúa Xosé Malvar no tramo polo que atravesa o regato de Valdecorvos (antes de chegar a rotonda que conecta con Valdecorvos, dirección Ponte das Correntes). Trátase de substituír o tubo de aceiro que canaliza o regato, por un de igual capacidade de formigón armado, dado que o firme está repisado.

O concelleiro explicou esta mañá que o pasado 5 de agosto fíxose unha reparación de urxencia cunha pavimentación provisional, mentres o Concello estudaba a situación e trataba de achar a mellor solución ao afundimento. O acordo foi substituír o tubo de 1.800 m3 de aceiro que está a dar moitos problemas, por un tubo da mesma capacidade de formigón armado.

Para facer estes traballos e garantir o tránsito de vehículos por unha das principais vías da cidade tanto para coches como para peóns, é preciso executar a obra en tres fases que demorarán arredor de 6 semanas.

A primeira fase consistirá en substituír o tubo no carril de subida de Xosé Malvar. Farase unha gabia de 10,76 metros e quedará libre un espazo de máis de 10 metros no que se habilitarán dous carrís de circulación (subida e baixada) e un paso de peóns. O tráfico pesado será desviado pola Seca, mentres que os autobuses poderán subir por Xosé Malvar e baixar por Casimiro Gómez, durante as 3 fases da reparación.

A segunda fase será a substitución central da tubaxe, habilitando carrís de subida e baixada ao arredor da gabia. 

Finalmente, a terceira fase será a substitución do carril de baixada, polo que haberá que trasladar o paso de vehículos e peóns cara o outro lado da vía.

Estes traballos faranse en 4 semanas, e despois, nas 2 seguintes, faranse remates de obra.

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez explicou que a día de hoxe se descoñece o estado do tubo no carril de baixada de Xosé Malvar polo que os prazos de apertura poderían demorarse en función do que se atope no seu tránsito.

O custe da obra será de 106.000 euros.