Tino Fernández levará o luns a Xunta de Goberno as axudas para as Escolas Deportivas Municipais e prevé que se inicien a mediados de outubro

178
  • As subvencións contan cun crédito máximo de 250.000 euros, dos que 205.000 irán destinados ás EDM para poboación en idade escolar, 30.000 ás rurais e 15.000 para grupos especiais
  • O tenente de alcalde asegura que o Servizo de Deportes está a fixar aforos e protocolos en base á orde autonómica vixente “co obxectivo de abrir inscricións ao longo da vindeira semana”

O tenente de alcalde e concelleiro de Deportes, Tino Fernández, levará o luns a Xunta de Goberno para a súa aprobación as bases e a convocatoria pública de subvencións para o desenvolvemento das Escolas Deportivas Municipais (EDM) no período 2021-2022. O Concello destinou para o financiamento destas axudas un crédito máximo de 250.000 euros, imputándose ao Orzamento deste ano un importe de 37.500 euros (15%) e quedando os restantes 212.500 (85%) condicionados á súa consignación nas contas de 2022.

En concreto, orientaranse un máximo de 205.000 euros aos programas das EDM de carácter xeral para poboación en idade escolar, que contan cunha oferta inicial de 2.500 prazas; 30.000 para os programas que se realizan nos centros escolares das parroquias rurais, que ofrecen 600 prazas, e 15.000 para os de grupos especiais (persoas con algunha discapacidade, en risco de exclusión social, terceira idade…), cuxas prazas dependen do número de solicitudes presentadas e da súa valoración. Tal e como aclara Tino Fernández, “o prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais a contar desde o día seguinte ao da publicación do extracto da convocatoria no BOP” e a petición de axuda, xunto coa restante documentación, “deberá presentarse a través da sede electrónica do Concello (http://sede.pontevedra.gal/)”.

As bases e o formulario de solicitude estarán a disposición das entidades interesadas nesta mesma web, aínda que tamén se poderá pedir o seu envío a través do email admindeportes@pontevedra.eu. As Escolas Deportivas Municipais están destinadas a nenos e nenas do noso concello con idades comprendidas, de xeito xeral, entre os 6 e os 14 anos, e entre os 4 e os 8 anos para aquelas que teñan como obxectivos preferentes os da educación física de base. 

Tino Fernández indica que os técnicos do Servizo de Deportes “están a traballar arreo cos clubs nestes días para fixar os aforos máximos, protocolos e horarios das EDM en base á orde autonómica vixente, que é a do 25 de xuño, aplicando as directrices que establece o seu punto 3.30, relativo á ‘Celebración de eventos deportivos e outras actividades deportivas non federadas de carácter organizado como campus deportivos, campamentos deportivos e outras actividades análogas”. Segundo avanza, “a proposta definitiva está a piques de pecharse, polo que a apertura de prazos de inscrición e a oferta de prazas darase a coñecer ao longo da vindeira semana e as Escolas Deportivas poderían poñerse en marcha a mediados de outubro, a poder ser o día 15”.

En virtude do devandito punto 3.30 da orde da Xunta, “os organizadores dos eventos e actividades deportivas non federadas de carácter organizado, como campus deportivos, campamentos deportivos e actividades análogas, recollidas no presente punto, deberán contar cun protocolo específico no ámbito da Covid-19, que será trasladado á autoridade competente e comunicado aos seus participantes”. Eses protocolos, elaborados baixo a responsabilidade dos organizadores, “deberán axustarse, con carácter mínimo, aos requirimentos que sexan de aplicación á concreta modalidade deportiva segundo o establecido nos protocolos aprobados consonte a Resolución do 15 de xuño de 2020, da Secretaría Xeral para o Deporte, pola que se aproba o protocolo Fisicovid-Dxtgalego”.

Entre outros requisitos, “deberán realizarse tarefas de ventilación nas instalacións cubertas por espazo de, polo menos, 30 minutos ao comezo e ao final de cada xornada, así como de forma frecuente durante esta e, obrigatoriamente, ao finalizar cada actividade”, e no caso de eventos realizados en recintos, sexan pechados ou ao aire libre, “deberá existir un rexistro de asistentes e custodialo durante un mes despois do evento, coa información do contacto dispoñible para as autoridades sanitarias e cumprindo coas normas de protección de datos de carácter persoal”. Asemade, deberán intensificarse as medidas de limpeza e desinfección das instalacións con produtos debidamente autorizados e rexistrados.

A última actualización da Xunta en relación á práctica deportiva colectiva contempla que os grupos pasen de seis a dez persoas como máximo.