Igualdade fomenta o empoderamento e o amor propio cunha nova edición de Namórate de Ti

49
  • Os talleres, orientados a mulleres desempregadas, en situación vulnerable, vítimas de violencia ou en risco de exclusión, impartiranse na Casa Azul os días 6, 7, 13 e 14 de outubro
  • A actividade será desenvolvida de xeito gratuíto, previa inscrición na plataforma apuntate.pontevedra.gal, pola fotógrafa e creativa Patricia Maquieira e a animadora sociocultural Tegra Gómez

Fomentar o empoderamento feminino e a autoestima a través da fotografía, así como a plena liberdade de pensamento e expresión, son algúns dos principais obxectivos cos que as concellerías de Igualdade e Promoción Económica, xunto co Centro de Información á Muller (CIM), volven impulsar este ano unha nova edición do proxecto Namórate de Ti. Os talleres desenvolveranse de xeito gratuíto na Casa Azul os días 6, 7, 13 e 14 de outubro, en horario de 10:00 a 13:00 horas, e serán impartidos pola animadora sociocultural Tegra Gómez e a fotógrafa e creativa Patricia Maquieira.

A concelleira responsable de Igualdade e de Promoción Económica, Yoya Blanco, explica que, ao igual que o ano pasado, “a iniciativa está especialmente dirixida a mulleres desempregadas, que precisan volver confiar en si mesmas, en situación de vulnerabilidade, vítimas de violencia de xénero ou en risco de exclusión social”. “Con estes obradoiros -sinala a edil socialista- buscamos que as mulleres aprendan a quererse e a valorarse a si mesmas utilizando a imaxe e a fotografía como ferramenta, axudándolles a reforzar a súa autoestima e autoconcepto e promovendo a súa unión social e cooperación grupal”.

Así, ao longo de catro xornadas, Tegra Gómez e Patricia Maquieira desenvolverán sesións de autocoñecemento, con exercicios para aumentar o empoderamento e a autoestima e aprender a autoxestionar o control do estrés a través da expresión corporal, verbal e escrita, incluíndo dinámicas de grupo, vídeos motivacionais e sesións fotográficas da posta en escena das mulleres.

Os talleres de ‘Namórate de Ti. Autoestima e empoderamento a través da fotografía’ terán o seu colofón, como na edición anterior, cunha exposición fotográfica nos escaparates de diversos establecementos comerciais de Pontevedra (enmarcada dentro dos actos conmemorativos organizados pola Concellería de Igualdade e o CIM con motivo do 25N, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres). Tal e como lembra Yoya Blanco, “a mostra que realizamos en 2020 contou coa colaboración de 12 tendas da rúa Oliva e foi un rotundo éxito, converténdose nunha simbiose perfecta de reivindicación e expresión artística que logrou captar a atención da cidadanía e liberar ás sete mulleres participantes das cadeas que arrastraban”.

A concelleira do PSOE apunta que, para tomar parte nestes obradoiros, todas aquelas interesadas deberán inscribirse previamente a través da plataforma apuntate.pontevedra.gal ou do teléfono 986 86 48 25, xa que a actividade conta cun número limitado de prazas.