Pontevedra implica ao comercio de proximidade no seu compromiso coa ecoloxía e a sostibilidade

197
  • A campaña O Meu Compromiso, impulsada pola Concellería de Promoción Económica e a Deputación, incluirá un concurso de escaparatismo sostible con tres premios de 600 euros
  • Instalaranse tres puntos sostibles informativos realizados con materiais naturais, ecolóxicos e reciclados en Rosalía de Castro, a Praza de Ourense e Doutor Loureiro Crespo

Concienciar sobre a importancia dunha decoración sostible e amosar o compromiso de Pontevedra coa natureza, a ecoloxía e o local, ao tempo que dinamizar e dar visibilidade ao comercio de proximidade, enxalzar a creatividade das nosas tendas e incentivar as compras nos establecementos participantes, son os principais obxectivos da campaña O Meu Compromiso, impulsada pola Concellería de Promoción Económica en colaboración coa Deputación. A iniciativa incluirá a celebración dun concurso de escaparatismo sostible con tres premios de 600 euros, asesoramento especializado, espectáculos e pasarrúas, talleres infantís e a instalación de tres puntos sostibles situados en zonas estratéxicas da cidade.

A campaña foi presentada esta mañá na Sala de Prensa do Teatro Principal nun acto que contou coa participación da concelleira de Promoción Económica e Turismo, Yoya Blanco; o deputado provincial Gregorio Agís, e a fundadora da firma creativa Sra. Nona Brand, Noemi de Miguel. Segundo precisou Yoya Blanco, os puntos sostibles “serán espazos informativos, realizados con materiais naturais, ecolóxicos e reciclados” e estarán emprazados “en Rosalía de Castro, fronte á Audiencia Provincial, a Praza de Ourense, fronte a San Francisco, e a rúa Doutor Loureiro Crespo, fronte ao Hospital”.

En concreto, o punto sostible de Rosalía de Castro construirase mediante materiais reciclados (botellas, plásticos, un andamio…) e nel poderase ampliar información sobre as pinturas e o plástico reciclado; o da Praza de Ourense crearase con cubos e fibras naturais e nel será posible informarse sobre fibras como a la ou o algodón, e o de Loureiro Crespo instalarase con madeiras e plantas, ofrecendo datos de interese sobre a madeira e as plantas naturais. Cada un deles servirá ademais de expositor dos correspondentes comercios da zona que participan no concurso de escaparatismo (con fotografías), no que os establecementos deberán decorar as súas fachadas/escaparates con motivos sostibles acordes coa área na que se atopen ubicados.

Noemi de Miguel indicou que “haberá tres premios de 600 euros para os mellores decorados, elixidos en base aos criterios dun xurado”. “As inscricións para participar no concurso poderán facerse a través da páxina web www.omeucompromiso.com desde hoxe até o día 4 de outubro. Os comercios participantes estarán visibles neste sitio desde o 11 de outubro e os nomes dos gañadores publicaranse o 19 de outubro”, apuntou a responsable de Sra. Nona Brand.

Asesoramento da experta Cany Juncal

A campaña O Meu Compromiso tamén contempla un asesoramento profesional dos comercios da man da experta Cany Juncal, que organizará e realizará visitas aos establecementos na semana do 4 ao 10 de outubro para axudarlles a plantexar as decoracións dos seus locais en base aos requisitos do concurso. Asemade, implicarase á directamente á cidadanía cun concurso de selfies, no que participarán todos aqueles que se fagan unha fotografía nos puntos sostibles e a suban a redes sociais co hashtag #omeucompromiso entre o 8 e o 18 de outubro.

Tódalas fins de semana de campaña, sempre que a climatoloxía o permita, desenvolveranse no punto sostible de madeiras e plantas talleres para axuda a que os máis pequenos da casa se conciencien sobre a importancia da ecoloxía, a natureza e a sostibilidade. Os obradoiros serán impartidos por un monitor en grupos de seis nen@s, en horarios de mañá e tarde, e levarán por títulos Creación de Xoguetes, Creación de Bolsas da Compra, Actividades Ecolóxicas ‘Mini Horta Urbana’, Aprende a Reciclar e Converter Residuos en Xogos.

Toda a información sobre os talleres pode atoparse na páxina web www.omeucompromiso.com, onde tamén se realizará a reserva de praza, na sección de Actividades, sendo posible escoller entres os días e horarios dispoñibles. Os rapaces participantes nas actividades levaranse ademais unha lembranza da campaña, consistente nun pack de semente + maceta, para eles mesmos vexan crecer a súa propia flor.

Durante este período, O Meu Compromiso encherá as rúas da cidade de cinco espectáculos exclusivos con emprazamento fixo denominados Rock in the Air, protagonizados por artistas que se balancean con vertixinosas coreografías a seis metros de altura: terán lugar o venres 8 de outubro ás 17:00 horas na Praza da Peregrina, o sábado 9 de outubro ás 12:30 horas na Praza de España, o 10 de outubro ás 17:30 horas en Andrés Muruais (fronte ao Coren), o sábado 16 de outubro ás 12:30 horas diante do Mercado de Abastos e o domingo 17 de outubro ás 17:30 horas na pasarela da rúa José Adrio (12 de Novembro). 

Desde a Concellería de Promoción Económica tamén se organizaron cinco pasarrúas cos que se dinamizarán distintas zonas de Pontevedra: o venres 8 de outubro ás 18:00 horas pola Peregrina, o sábado 9 de outubro ás 17:45 horas pola Praza de España, o domingo 10 de outubro ás 12:15 horas por Andrés Muruais, o sábado 16 de outubro con saída desde a Praza de Curros Enríquez ás 17:45 horas e o domingo 17 de outubro ás 12:15 horas pola pasarela de 12 de Novembro.

Achegar a mensaxe ás xeracións futuras

Yoya Blanco subliñou que “vivir nunha sociedade sostible axudaranos a ser e vivir mellor, dun xeito responsable, non só con nós mesmos, senón tamén coas xeracións futuras”. “Esta iniciativa -afirmou a concelleira de Promoción Económica e Turismo- nace precisamente coa intención de achegar esta mensaxe aos pontevedreses, englobando actividades relacionadas coa ecoloxía, a natureza, a sostibilidade e, por suposto o apoio ao comercio local”.

A concelleira socialista lembrou que Deputación e Concello de Pontevedra xa colaboraron o pasado ano nunha campaña semellante, “cun concurso de escaparatismo moi circunscrito a unha zona moi concreta da cidade (a Peregrina), e o proxecto piloto foi tan bo que decidimos repetilo, pero para toda a cidade, como nos demandaron os propios comerciantes”. Blanco salientou “unha vez máis a implicación das nosas empresas neste proxecto, que contará con Pablo Mèndez Performances para os espectáculos; Gráficas Anduriña para a impresión das creatividades; Iconweb para a programación da páxina web; Isa Naveiro para os talleres infantís; e Capri Eventos para os puntos sostibles, así como as xa mencionadas Cany Juncal e Sra. Nona Brand”.

Gregorio Agís afirmou que “para a Deputación é un orgullo participar nun proxecto tan transversal e ambicioso como este, de promoción, apoio, asesoramento e acompañamento, coa perspectiva da reciclaxe, a sostibilidade e a ecoloxía”, e felicitou á concelleira Yoya Blanco por impulsar “este tipo de iniciativas tan interesantes de apoio ao comercio local, sobre todo nestes tempos nos que hai certa tendencia a mercar a través de Internet”. “Pontevedra ten unha actividade moi significativa de promoción económica e de posta en valor do comercio de proximidade e da economía circular. O comercio precisa de asesoramento e de acompañamento, de sentir que as institucións están colaborando e apoiando, especialmente despois de un período tan difícil para o tecido comercial, e estamos convencidos de que esta iniciativa será un éxito”, apuntou Agís.

Pola súa banda, Noemi de Miguel avanzou que a campaña incluirá a distribución de folletos informativos, bolsas corporativas que os comercios poderán dar aos seus clientes durante as datas da mesma e a entrega de carteis-frecha para os escaparates dos establecementos participantes, así como a creación de redes sociais específicas e a difusión dun vídeo promocional: https://www.youtube.com/watch?v=CR-Zqeeq-Uc. O 8 de outubro inauguraranse os puntos sostibles e darán comezo os pasarrúas e espectáculos, o 9 de outubro os talleres infantís e o 11 de outubro os concursos de escaparatismo e de selfies.