O Concello aparca a reforma das rúas Alemaña e Grecia

32

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez informa de que cambiaron as prioridades xerais do barrio de Monte Porreiro, polo que o Goberno Local decide centrarse noutras melloras.

O Concello de Pontevedra acordou esta semana centrar as prioridades no barrio de Monte Porreiro no sostemento do espazo urbano e deixar aparcado o proxecto de reforma integral de parte das rúas Grecia e Alemaña, “dado que cambiaron as prioridades xerais do barrio”, tal e como se ten demostrado nas últimas semanas.

O concelleiro de Obras, Demetrio Gómez explicou que o Concello tiña coñecemento por moitas vías dende a asociación de veciños até a comunidade escolar, persoas que traballan nos camiños escolares ou, incluso, mocións plenarias da necesidade de atallar dous problemas que se sucedían nese punto do barrio: eliminar o tráfico de paso (están contabilizados entre 8.000 e 10.000 vehículos diarios polo cruzamento) e mellorar a seguranza viaria nos contornas escolares.

Unha vez localizado o problema, o Concello encargou a redacción dun proxecto que chegou esta mañá á Alcaldía. O traballo de recoller e identificar os problemas levou arredor de dous anos. Chegado a este punto, o concelleiro de Obras, Demetrio Gómez indicou que “parece que agora non é unha prioridade no barrio de Monte Porreiro, pois non hai maior problema. Seguiremos traballando nas obras de sostemento público en marcha”.

Tamén confirmou que parello ao proxecto de reforma integral das rúas Alemaña e Grecia estaban outras intervencións como a dotación de auga potábel a tres edificios da rúa Cambria, proxecto co que o Concello continúa adiante “e que teremos que executar o antes posible”.

Obras en Fonte Santa e Loureiro Crespo

O concelleiro tamén deu conta do seguimento das obras urbanas, tal e como se trasladou á Comisión de Mobilidade e Obras celebrada esta mañá. Unha foi a actuación de emerxencia no barrio de Fonte Santa para a construción dun muro de 100 metros lineais que afecta á unha liña de baixa tensión e conducións soterradas, cun custe de 180.000 euros.

Tamén deu conta do avance da reforma do barrio do Castañal, onde se atopa practicamente rematada a rúa Forcarei que está pendente do pulido do formigón; a rúa Ernesto Caballero está en proceso de colocación das conducións soterradas; Amor Ruibal está en pleno proceso de reforma coa substitución dos servizos; e na praza das Regas xa se pode ver o novo muro.

Finalmente informou de que entre mañá e pasado mañá rematarán as obras de compactación do estacionamento de Mollavao e esta mañá comezaron os primeiros traballos para a reparación da condución do regato de Valdecorvos na rúa Xosé Malvar.